Pontevedra xa é un Concello contrario aos circos con animais
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Todos os grupos votaron por unanimidade no pleno deste mes de novembro, que se celebrou este luns 30 no Teatro Principal, para que Pontevedra declárese cidade libre de circos nos que se utilicen animais. A moción presentada polo grupo municipal socialista contou co apoio de todas as forzas políticas e o portavoz de Marea, Luís Rei, aproveitou para solicitar ao goberno local que se deixe de facer o convenio co empresario da Praza de Touros para evitar "o asasinato de reses bravas".
Non foi o único punto que se aprobou por unanimidade nesta sesión plenaria que apenas contou con momentos de debate intenso. O goberno local solicitará a cesión da viaria PO-546, a estrada vella a Marín, que pertence á Xunta de Galicia, debido aos problemas que presenta este viario. Tamén todos os grupos apoiaron a proposta da Plataforma de Afectados da PO-531, ao seu paso por Curro. Reclámase que se inicien as obras para evitar os puntos negros que presenta esta estrada e que se libere a peaxe da AP-9, no tramo entre Pontevedra e Curro.
Na sesión presentáronse dúas mocións, unha por parte do PSOE e outra por parte do PP, nas que se reclamaba a regulación do mercadillo da Verdura, que agora foi trasladado á rúa Sierra. Aprobouse a presentada polos socialistas apoiada por este grupo e por Marea e Cidadáns coa abstención do BNG e do PP. O concelleiro responsable de Mercados, Vicente García Legísima, sinalou que é necesario agardar a como se vai desenvolvendo esta actividade no novo emprazamento. Con todo rexeitouse a proposta popular, defendida polo concelleiro César Abal, cos votos en contra do BNG e de Ciudadanos. Os populares reclamaban que se aproveitase o regulamento, iniciado na época en que a entón concelleira Carlota Román encargábase deste departamento, para dar cobertura legal a estas actividades e instaban o goberno local a retomar a tramitación do anteproxecto da ordenanza reguladora da actividade de venda ambulante, sinalando que a elaboración do documento tivo un custo de case 2.400 euros para as arcas municipais.
Apoiouse por unanimidade a mellora reclamada polos veciños de Cerponzóns da N-550 ao seu paso por esta parroquia, presentada por Ciudadanos, do mesmo xeito que unha moción presentada por urxencia dos socialistas reclamando propostas fiscais para unha tributación xusta dos emigrantes retornados. Desde as butacas do Teatro Principal, un pequeno grupo asistiu ao debate sobre este punto. Tamén se aprobou, cos votos en contra dos dous integrantes de Marea Pontevedra, a posta en marcha dun sistema telemático para a inscrición de nenos nas escolas deportivas. Marea retirou a moción na que solicitaba unha auditoría externa para as contas do Concello e viu tombada a súa proposta de que o Concello se presentase xudicialmente contra a Cámara de Comercio para a devolución das axudas municipais concedidas para a organización de Ferpalia e Po-móbil, un tema que se atopa baixo instrución nos xulgados.
A sesión plenaria durou tres horas e media con escasa presenza de público nas butacas.
Relacionadas:
-
Pontevedra vai declararse cidade libre de circos con animais
Por Redacción |
-
O PP 'salta' á Xunta e insta o Concello a pedir a cesión da estrada vella a Marín e humanizala
Por Redacción |
-
Piden que o Concello reclame á Cámara de Comercio o diñeiro "irregularmente cobrado" por Ferpalia e Pomóvil
Por Oskar Viéitez |