Un cazador localiza nun monte de Caldas o BMW da perigosa fuga da Seca
Por Natalia Puga
Un cazador localizou na mañá deste sábado nun monte de Caldas de Reis o turismo BMW de cor gris que o pasado xoves protagonizou a rechamante e perigosa fuga desde un control da Garda Civil na Seca (Poio), circulou pola autoestrada AP-9 en sentido contrario, levou por diante unha patrulla de Tráfico e acabou despistando ás patrullas que o seguían. Os seus dous ocupantes seguen sen aparecer.
O coche apareceu nunha zona de monte de difícil acceso do lugar de Casal do Mato, na parroquia de Saiar, sen placas de matrícula. O cazador localizouno sobre as doce do mediodía e alertou á Policía Local de Caldas, que puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil.
Os dous ocupantes son, segundo barallan os investigadores, integrantes dunha banda organizada especializada en roubos que actúa de forma itinerante polo territorio español e estaría estes días na provincia.
Como membros dese mesmo grupo foron detidos o xoves dous homes na rotonda do convento de Poio circulando cun turismo en cuxo interior se ocupou toda unha serie de útiles habitualmente utilizados para cometer roubos. Os seus integrantes están considerados como violentos e moi profesionais, á vez que ousados, e dedícanse a todo tipo de roubos.
Os dous homes que ían no BMW fuxiron do control da Seca e dirixíronse cara á zona da vía rápida de Campañó, conectando coa estrada PO-531 Pontevedra-Vilagarcía. Desde aí enlazaron coa autoestrada AP-9, pero entraron polo carril que vai en dirección Vigo- Santiago circulando en sentido contrario, isto é, cara a Vigo e seguiron ata pouco antes da peaxe da autoestrada en Vilaboa.
Nese momento, deron a volta e xa circularon no sentido correcto en dirección a Santiago. Na saída da AP-9 en Caldas de Reis saíron e perdéronlles a pista. Barállase que pouco despois xa abandonaron o coche, pois este sábado apareceu a poucos metros