Concello e Garda Civil colaboran para ofrecer unha pernoctación a mulleres en caso de emerxencia
Por Redacción
Os integrantes da Mesa Local para a Violencia de Xénero analizaron na tarde do xoves a evolución deste problema en Sanxenxo chegando, entre outras conclusións, a que é necesario incidir en cuestións como a prevención.
Paralelamente, Sandra Fernández Agraso, concelleira de Igualdade, puxo en coñecemento dos membros da mesa a firma dun convenio entre o Concello e un establecemento hostaleiro da localidade para garantir unha pernoctación a mulleres que se atopen unha situación de emerxencia extrema.
Trátase dunha medida extraordinaria e que se aplicará tras a presentación da pertinente denuncia por malos tratos e tendo en conta que sexa recomendada pola Garda Civil e facilitará ao Centro de Información á Muller (CIM) xestionar con maior axilidade unha situación de violencia de xénero. O acordo pretende dar unha solución áxil a aquelas mulleres que se vexan na necesidade de dispoñer dun aloxamento con inmediatez.
Entre os acordos alcanzados cabe destacar a posta en marcha de charlas, talleres e obradoiros que contribúan á sensibilización e concienciación entre os estudantes do municipio, polo que este tipo de actuacións darán comezo nos institutos.
Esta medida adóptase, segundo explica a concelleira de Igualdade, Sandra Fernández Agraso, atendendo a unha realidade social que constata un incremento de condutas de violencia de xénero cada vez a idades máis temperás e utilizando as novas tecnoloxías. As redes sociais revélanse como ferramentas utilizadas para o exercer un maior control sobre as mulleres e tanto desde o CIM como desde os diferentes corpos de seguridade detectan un incremento das denuncias relacionadas con acoso a través delas.
"Estamos comprobando como, cada vez máis, a violencia de xénero se está a transformar, xa que se están a dar novos métodos de acoso e agresión acordes aos avances nas novas tecnoloxías e o uso das redes sociais e os dispositivos móviles", apunta Sandra Fernández Agraso.
Sanxenxo rexistrou desde o inicio deste ano 16 denuncias relacionadas coa violencia de xénero
Ademais da edil de Igualdade, da concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez Búa, e do alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, que presidiu o encontro, na reunión da Mesa participaron a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Cambados, a xefa da Unidade Contra a Violencia Sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, o inspector xefe da Policía Local, o alferez da Garda Civil de Sanxenxo, a directora do CIM Sanxenxo e a asesora xurídica deste servizo municipal, un médico de atención primaria do Centro de Saúde de Baltar e representantes do Emume de Pontevedra.
En canto aos datos manexados na reunión, cabe destacar que Sanxenxo rexistrou desde o inicio deste ano 16 denuncias relacionadas coa violencia de xénero, unha cifra similar á de anos anteriores. Segundo os datos achegados pola Subdelegación do Goberno, o perfil é de mulleres novas, con idades comprendidas entre os 30 e os 45 anos de idade.
No que vai de ano o Centro de Información á Muller, situado en Portonovo e dirixido por Diana Názara, atendeu a 123 persoas por denuncias relacionadas con violencia de xénero, das que 13 son homes e 105 mulleres, que derivaron en 478 atencións. E é a maioría das persoas que se achegan ao CIM para denunciar unha situación de violencia requiren atención psicolóxica continuada, por iso é polo que este departamento municipal prestou un total 265 consultas. Outras 92 requiriron asesoramento xurídico e 18 orientación laboral.