Dous feridos leves en senllos atropelos na avenida de Bos Aires e a ponte da Barca
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas, en principio, con carácter leve tras sufrir senllos atropelos en dous puntos da cidade de Pontevedra. A ambos os dous acudiron ambulancias asistenciais do 061 e patrullas da Policía Local
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o primeiro dos atropelos produciuse ás 8.07 horas na ponte da Barca e o segundo ás 10.54 na avenida de Bos Aires.
Fontes de Urxencias Médicas de Galicia 061 indicaron que no accidente da ponte da Barca resultou ferida unha muller de 70 anos. Foi trasladada por unha ambulancia asistencia ao Hospital Domínguez.
Fontes da Policía Local indicaron que o atropelo da avenida de Bos Aires se produciu cando unha persoa cruzou a calzada por un lugar non indicado para peóns, á altura da praza de Abastos.
Segundo o 061, esta persoa está ferida, en principio, con carácter leve, pero aínda se descoñecen máis detalles do sinistro. Foi trasladada por unha ambulancia asistencial ao Hospital Domínguez.