Chega unha fin de semana de ceos despexados
Por Redacción
As Rías Baixas quedarán baixo a influencia dun anticiclón durante a última fin de semana de novembro. Durante a xornada do sábado 28 os ceos aparecerán cunha alternancia de nubes e claros. A medida que avance a xornada irán desaparecendo as nubes e as temperaturas sufrirán un moderado descenso situándose entre os 7 e os 14 graos. O vento soprará de compoñente norte, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
O domingo 29 manterase a situación anticiclónica sen que se rexistren alteracións nas temperaturas mínimas mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán do sudoeste.
A próxima semana comezará tamén con bo tempo. Agárdase que os ceos se atopen pouco nubrados ou despexados en toda Galicia. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso e os ventos soprarán frouxos, de compoñente sur.
A medida que vaia avanzando a semana manterase un tempo seco e asollado ata o mércores cando comece a desaparecer a influencia anticiclónica, aumentando a probabilidade de choiva. As temperaturas manteranse nos mesmos valores.