Deteñen dous membros dunha perigosa banda organizada de ladróns e investigan a súa relación cos fuxidos dun control na Seca
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo dous homes como presuntos integrantes dunha banda organizada especializada en roubos que actúa de forma itinerante polo territorio español e estaría estes días na provincia. A súa detención está relacionada con outro incidente ocorrido na mañá deste xoves na contorna de Pontevedra e Poio, a fuxida e posterior persecución policial a un turismo que fuxiu dun control do instituto armado na Seca, en Poio, e chegou a circular varios quilómetros en sentido contrario pola autoestrada AP-9.
Os investigadores traballan coa hipótese de que os dous homes detidos e os dous que circulaban no turimo BMW azul fuxido formaban parte da mesma banda organizada e, ao mesmo tempo, non descartan que poida haber máis membros do mesmo grupo itinerante que se atopen pola zona. Todos eles formarían parte dunha estrutura moi ben organizada e perigosa que se dedica a todo tipo de roubos. Os seus integrantes están considerados como violentos e moi profesionais, á vez que ousados.
Os dous detidos son ambos de nacionalidade española e teñen múltiples antecedentes policiais. Foron localizados pola Garda Civil de Pontevedra na rotonda do convento de Poio circulando cun turismo en cuxo interior se ocupou toda unha serie de útiles habitualmente utilizados para cometer roubos. Así, fóronlles intervidos pasamontañas e pancas de ferro que presuntamente usaban para forzar as casas e negocios nos que roubaron.
En relación coa rechamante persecución do BMW, nas últimas horas transcenderon novos datos. O coche, ocupado por dous homes, fuxiu dun control da Garda Civil de Tráfico na zona da Seca, en Poio, e dirixíronse cara á zona da vía rápida de Campañó, conectando coa estrada PO-531 Pontevedra-Vilagarcía. Desde aí enlazaron coa autoestrada AP-9, pero entraron polo carril que vai en dirección Vigo- Santiago circulando en sentido contrario, isto é, cara a Vigo.
Esta conduta kamikaze e perigosa mantivérona durante varios quilómetros, ata pouco antes da peaxe da autoestrada en Vilaboa. Nese momento, deron a volta e xa circularon no sentido correcto en dirección a Santiago. Na saída da AP-9 en Caldas de Reis saíron e foi nese momento no que a Garda Civil e a Policía Nacional perdéronlle a pista.
A persecución estivo marcada pola espectacularidade e grandes velocidades e, nun momento dado, case ao comezo da mesma, o BMW chegou a embestir a un coche camuflado da Garda Civil de Tráfico que trataba de darlle o alto. Ocorreu á altura da ponte das Cabras, en Pontevedra, e o BMW causoulle importantes danos materiais ao vehículo, aínda que os axentes que ían dentro non resultaron feridos.
A última hora deste xoves, os dous fuxidos seguen sen ser localizados.