O Consello aproba a modificación do Plan de protección do Porto
Por Redacción
O interese por incrementar a seguridade do transporte marítimo e mellorar a protección dos buques e instalacións portuarias levou á Autoridade Portuaria a expor unha modificación do Plan de Protección do Porto nas zonas de lámina de auga, tanto en augas interiores como exteriores.
As melloras acometidas no porto en materia de seguridade desde a última revisión do Plan de Protección como a existencia dun convenio con Salvamento Marítimo para o control do tráfico marítimo e a elaboración de procedementos operacionales, a instalación de novos puntos de control no CCTV (circuíto pechado de televisión), etc, determinaron a actualización dos plans aprobados esta tarde polo Consello de Administración.
VALORACIÓN DE TERREOS
A Autoridade Portuaria levou a cabo tamén unha revisión do valor dos terreos e lámina de auga da zona de servizo do Porto de Marín, asistida tecnicamente pola empresa TINSA.
Esta revisión ten como obxectivo actualizar a valoración vixente que foi aprobada en 2005 xa que estes datos determinan a base impoñible da taxa de ocupación. A metodoloxía seguida foi a valoración das distintas áreas do porto en función dos seus usos e características particulares (comercial, pesqueiro, naval, equipamentos, etc). No caso da lámina de auga a división principal foi entre augas interiores e exteriores coas subdivisións correspondentes atendendo a condicións de abrigo, profundidade ou situación.
RECORDO A RICARDO AGUILAR
O presidente da Autoridade Portuaria quixo deixar constancia na sesión desta tarde do recoñecemento do Consello de Administración a Ricardo Aguilar Argenti. José Benito Suárez Costa destacou a súa capacidade de traballo e dedicación como vocal representante da Administración Xeral do Estado desde maio de 2012 ata o seu falecemento o pasado 23 de outubro.
Así mesmo deuse conta da publicación da orde da Consellería do Medio Rural e do Mar, do 1 de outubro de 2015, dispoñendo o cesamento de Jose Antonio Morillo-Velarde, e o nomeamento de Carlos Rodríguez Soláns, en representación da Administración Xeral do Estado.