Garda Civil e Policía perseguen un coche que escapou dun control en Poio
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Varias patrullas da Garda Civil e a Policía Nacional protagonizaron este xoves unha espectacular persecución que chamou a atención dos cidadáns nos accesos a Poio, Pontevedra e Vilagarcía. Perseguían un turismo marca BMW, no que viaxaban dous homes, que fuxiu dun control na zona da Seca, en Poio, e que a última hora da mañá non fora localizado.
O coche escapou dun control ordinario da Garda Civil na Seca sobre as 11.30 horas. Non se detivo cando lle deron o alto e seguiu con dirección a Pontevedra, de modo que as patrullas do instituto armado empezaron a seguilo e alertaron á Policía Nacional para que o esperasen nos acccesos á cidade e lle desen o alto.
Con todo, o coche non chegou a entrar na cidade, senón que colleu a autoestrada AP-9 cara a Vigo supostamente en sentido contrario e máis tarde puxo rumbo cara a Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis, perseguido por varias patrullas. Ademais, mobilizouse o helicóptero Falcón da Policía Nacional para que o seguise desde o aire e chegou a sobrevoar moi baixo a cidade de Pontevedra e os seus arredores, pero sen éxito.
Durante a fuxida, chegou a impactar cun coche de Garda Civil e xerou situacións moi perigosas para os outros condutores.