Multan con 200 euros a un peón por cruzar en vermello un semáforo en Vilaboa
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Tráfico impuxo unha multa de 200 euros a un home de 68 anos por unha curiosa infracción de tráfico cometida cando camiñaba unha zona próxima á súa casa, en Vilaboa. Foi sancionado por cruzar en vermello un semáforo como peón.
Todo ocorreu á primeira hora da mañá do pasado dez de novembro na zona de Riomaior, en Santa Cristina de Cobres. O home, veciño de Vilaboa, dispoñíase a cruzar a estrada N-554 por unha zona sinalizada cun paso de peóns e regulada por un semáforo, pero, antes de facelo, non pulsou o botón necesario para que a luz cambie de vermello a verde. Si comprobou que non se aproximaba ningún coche pola vía.
O resultado foi que o home, residente nunha zona próxima, cruzou en vermello. Xusto despois de facelo, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico que estaba nas inmediacións deulle o alto e comunicoulle que cometera unha infracción e ían multarlle por iso.
A multa impúxose polo concepto "no respectar o peón a luz vermella dun semáforo" e no apartado de observacións da sanción especifica "peón". Leva aparellado o pago de 200 euros, pero finalmente abonou só 100 porque o pago anticipado tiña unha bonificación do 50 por cento.