Ferida unha condutora que quedou atrapada no seu coche incrustado no gardarraíl en Caldas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha veciña de Marín resultou ferida na mañá deste xoves tras verse implicada nun accidente de circulación na estrada N-640 ao seu paso por Caldas. O seu coche quedou atravesado polo gardarraíl da vía e ela atrapada dentro do turismo.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, os Bombeiros de Vilagarcía tiveron que excarcerar a muller, única ocupante do vehículo, e foi necesaria a intervención do helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela. Tomou terra no mesmo lugar onde ocorreu o accidente e evacuou a ferida ao Hospital Clínico da capital de Galicia, con pronóstico grave.
O accidente produciuse sobre as 8.20 horas na estrada N-640 entre Caldas e Vilagarcía, en concreto, na parroquia caldense de Godos. Varios particulares chamaron ao 112 para pedir axuda. Segundo indicaron, tralo impacto, o coche quedou atravesado polo gardarraíl da vía.
Ademais dos efectivos dos parques comarcais do Salnés e de Vilagarcía e dos técnicos sanitarios, o 112 tamén requiriu a intervención do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga, de Protección Civil e a Policía Local de Caldas de Reis e da Garda Civil de Tráfico.