Desde a ONCE piden máis control das terrazas: "Ás veces botamos de menos as beirarrúas dun metro"
Por Redacción
O director do Centro de Recursos Educativos da Once en Pontevedra, José Ángel Abraldes, alerta da necesidade de que os concellos controlen as instalacións de terrazas e de mobiliario urbano porque, nos últimos tempos, os invidentes están a atoparse con máis obstáculos nas beirarrúas debido á permisividade dos gobernos locais.
"Botamos de menos as beirarrúas antigas dun metro onde sabías que tiñas o carril dun metro para pasar", afirma Abraldes, que lamenta a situación actual na que teñen que camiñar facendo zigzags.
Culpa desta situación á instalación incontrolada das terrazas desde a entrada en vigor da lei de prohibición do tabaco nos establecementos hostaleiros; aos aparcadoiros de vehículos, motos e bicicletas e ás obras mal sinalizadas, que causan graves problemas para o tránsito das persoas con problemas de visibilidade.
José Ángel Abraldes indica que non é unha queixa á cidade de Pontevedra en concreto senón a todas as cidades ante o paradoxo de que unha medida para mellorar a accesibilidade como é a ampliación das beirarrúas termine xogando en contra das persoas cegas.
"Somos máis sensibles que outros colectivos" apunta o director do Centro da ONCE porque mentres persoas con outras discapacidades trasládanse en cadeiras de rodas e poden sortear os obstáculos, as persoas con dificultades visuais teñen que tomar como referencia de orientación a liña das fachadas dos edificios e "se están invadidas perdemos a nosa seguridade. Non a nosa comodidade senón a nosa seguridade", conclúe Abraldes.
Relacionadas:
-
Unha canción altruísta para unir a mozos cegos de España e Irlanda
Por Redacción |
-
RADIO.- Abre os oídos e ve a playlist de José Ángel Abraldes
Por Marisa Ciordia |
-
O PP pide unha nova ordenanza para regular as terrazas na cidade e ampliar os seus horarios
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Os futuros profesores experimentan a sensación de ser invidentes
Por Redacción |