Antes de elixir ao presidente do Goberno en Ciencias Sociais celebrarán eleccións a Decanato
Por Redacción
Despois de que Emma Torres presentase a súa renuncia como máxima responsable da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, debido á "complexidade para compaxinar" o cargo coas súas responsabilidades como tenente de alcalde no Concello do Grove, esta facultade do campus pontevedrés celebrará eleccións a Decanato o xoves 17 de decembro.
Entre os días 3 e 9 do vindeiro mes permanecerá aberto o prazo de presentación de candidaturas, segundo recolle o calendario electoral feito público por Torres, quen, tras formalizar a súa dimisión, foi nomeada decana en funcións ata a celebración da Xunta de Facultade que deberá elixir ao novo ou nova responsable do centro para os próximos tres anos.
Este martes 24 de novembro tivo lugar a constitución da xunta electoral que se responsabilizará deste proceso e trala que, hoxe mércores, procedeuse á exposición provisional dos censos dos 43 representantes do PDI, oito membros do PAS e 23 estudantes que integran a Xunta de Facultade.
A continuación, abrirase un período de proclamacións, previo á exposición dos censos definitivos o vindeiro mércores 2 de decembro. Xa á xornada seguinte, segundo o calendario que vén de facer público a decana en funcións, abrirase o prazo de presentación de candidatos e candidatas a situarse á fronte do Decanato, que serán proclamados de xeito provisional o 10 de decembro e de forma definitiva, trala apertura dun novo período de reclamacións, o martes 15, dous días antes da votación.