Tino Fernández pedirá explicacións ao goberno local polo adianto do pago a Sogama
Por Redacción
O grupo municipal socialista solicitará de inmediato unha reunión da Xunta de Portavoces para que o alcalde explique as razóns de pretender aprobar pola vía de urxencia unha modificación de crédito para adiantar o pago de máis de 600.000 euros a Sogama.
O voceiro socialista, Agustín Fernández considera que "ou hai acordos ocultos que non se nos explicaron ou o problema ven dado pola improvisación e as imprevisións", polo que demanda explicacións por parte do alcalde.
"Do que non cabe dúbida é de que algo non cheira moi ben neste asunto de Sogama", afirma Tino Fernández
"Do que non cabe dúbida é de que algo non cheira moi ben neste asunto de Sogama", afirma Tino Fernández.
Fai uns meses aprobouse polo Pleno unha modificación de crédito para facer frente ao pago do comprometido con Sogama para o ano 2015. O resto quedaba para a súa inclusión nos Orzamentos do 2016. Agora os socialistas preguntan "que pasou ou que se ocultou para pretender agora pagar máis de 600.000 euros con cargo a 2015? e por que non se incluiron no seu momento na modificación ou por qué non se esperou a ter todos os datos para facer a modificación?".
Engade Tino Fernández que facer unha modificación a 30 de novembro "é como non facer nada" porque surtirá efecto en xaneiro de 2016, cando teoricamente estea en vigor o novo orzamento. Por este motivo suxire que se manteña no orzamento do 2016 como estaba previsto e en todo caso, quere saber cal vai a ser o destino no novo orzamento da cantidade liberada da débeda.
No grupo municipal do PSOE a "sensación" que din ter é que "non se explicaron totalmente" as repercusións de asumir o pago total de débeda en menos dun ano, e que "dunha mala negociación sempre se derivan malas consecuencias".