A buscar cogomelos polos montes de Lourizán
Por Redacción
A Comunidade de Montes en Lourizán, a partir do día 26 ata o 28 de novembro, organiza as segundas Xornadas Micolóxicas coa colaboración do Concello de Pontevedra.
O programa comezará este xoves 26 ás 20.30 horas no Centro Social de Estribela, cunha charla a cargo do experto Jaime Blanco Dios, que terá por título: 'Novos cultivos forestais en Galicia: as turmas ou criadillas de terra', dirixido a un público máis especializado, principalmente membros doutras comunidades de montes.
O venres 27, ás 20.30 horas no Centro Social de Estribela, o micólogo Jaime Blanco ofrecerá unha conferencia sobre os principais cogomelos dos bosques de frondosas e dos piñeirais e eucaliptais galegos, dirixido ao público en xeral.
Para o sábado 28 levará a cabo un paseo micolóxico polos montes de Lourizán que forman parte do Espazo Natural e Arqueolóxico dous Sete Camiños. Os participantes recollerán os cogomelos guiados por Jaime Blanco. A saída será ás 10.00 horas do Campo da Festa do Regueiriño.
Jaime Blanco é un reputado micólogo e actual Premio Cidade de Pontevedra, descubirdor das especies Cantharellus lourizanianus e de Hypholoma lourizanicum.