Unha menor obrigada a prostituirse relata a súa historia nun autobús Madrid-Pontevedra e conseguen liberala
Por Redacción
Unha denuncia presentada na Comisaría da Policía Nacional Marín facilitou nos últimos días a detención de tres persoas pertencentes a unha rede dedicada a traer mozas desde Serra Leona a España para explotalas sexualmente e a liberación dunha muller que estaba a ser obrigada a exercer a prostitución e retida nun piso de Vigo por dous proxenetas.
A orixe deste operativo é unha viaxe en autobús entre Madrid e Pontevedra. Unha mellor relatou a un cidadán que era natural de Serra Leona e, tras aceptar unha oferta para vir estudar e traballar como modelo a España, fora enganada. Cando chegou a Madrid, dous ou tres meses antes, foi recollida por unha parella que lle retirou todas as súas pertenzas e encerrouna nun piso en contra da súa vontade, coa finalidade de explotala no exercicio da prostitución nun club de alterne da capital.
A menor, de 17 anos de idade, tamén lle dicía que por negarse a traballar no club trasladárana a Vigo para prostituíla e así devolver a suposta débeda contraída coa organización en concepto de viaxe e estancia, que ascendía a uns 60.000 euros. Ademais, a moza, despois da viaxe en autobús, púxose en contacto co denunciante a través de mensaxería instantánea na que lle explicaba que cando chegou á cidade galega esperábaa unha muller, que a trasladaba a un piso e tíñaa encerrada nunha habitación. Aínda que non sabía a dirección exacta onde se atopaba, si lle achegou varias referencias do que podía ver desde a xanela do inmoble.
O home denunciou en Comisaría e os axentes utilizaron as cámaras de seguridade instaladas na estación de autobuses para buscar na data e hora indicadas na denuncia á suposta vítima. Vese como a moza era recibida por outra muller e xuntas abandonaban a estación.
A investigación continuou ata que os axentes puideron localizar o piso no que, ao parecer, atopábase a vítima. Os policías entraron no domicilio onde atoparon á moza encerrada e procederon á súa liberación e á detención das dúas persoas, un home e unha muller, que a retiñan. A rapaza, tras recibir as primeiras medidas de asistencia e protección, foi acollida por unha organización integrada na Rede Nacional de Asistencia a vítimas de trata de seres humanos e relatou como foi enganada para vir a España.
Os investigadores descubriron que se trataba dunha organización perfectamente estruturada, que contaba con captadores nos países de orixe que localizaban vítimas entre os estratos máis pobres da poboación. Outros actuaban como intermediarios e encargábanse de trasladar ás vítimas ata os países de destino e de aleccionarlas sobre como tratar coa Policía nos controis fronteirizos. No caso desta moza, se era requirida pola Policía, debía dicir que tiña 18 anos para que a deixasen entrar en España.
Dentro desta rede tamén se atopaban os explotadores, que recibían ás vítimas e encargábanse de obrigalas a exercer a prostitución en clubs de alterne ou na vía pública. Estes últimos convertíanse en verdadeiros propietarios das rapazas, sendo os encargados de custear os seus traslados, documentación e aloxamento e, tamén, os que cobrarían as débedas adquiridas por elas, mediante a súa explotación sexual.