Os alumnos do Carlos Oroza alertan da "nefasta situación" do centro
Por Oskar Viéitez
Os alumnos do curso de 1º de Xestión de Aloxamentos Turísticos do CIFP Carlos Oroza, na Cidade Infantil Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra, emitiron un comunicado co que queren facer público o seu "profundo malestar pola nefasta situación na que se atopa o noso espazo educativo".
En concreto, a aula que ocupan ten os seguintes problemas:
- Pingueiras: pese a que os servizos de mantemento cambiaron algún dos paneis de escaiola do teito do aula, seguimos tendo filtracións de auga que caen sobre ordenadores de traballo e o corpo dalgún dos alumnos.
- Cheiros: obviamente, as pingueiras e a humidade xeran un importante problema engadido polo cheiro a moho que temos que soportar durante as horas lectivas (33 horas e media semanales).
- Risco de derrube: o exceso de humidade no teito e a antigüidade do edificio poderían provocar un derrube, como xa vimos hai uns días nun centro educativo.
- Saúde: A humidade insalubre que padecemos está provocando entre todos nós problemas de garganta, resfriados (as fiestras teñen que estar abertas ata no inverno), etc.
- Ademais, por culpa das humidades temos que ter acesos continuamente dous deshumidificadores. O ruído que emiten é moi molesto, tanto pola súa intensidade sonora como pola súa continuidade temporal, que lastra o normal desenvolvemento das clases e a calidade do ensino.
Engaden no seu comunicado que "si en momentos de crise económica, como a actual, non se potencia a preparación profesional dos que seremos traballadores na primeira industria española, o turismo, será moi difícil que a formación, que como alumnos estamos recibindo, poida contribuír no futuro a mellora e desenvolvemento da economía de Pontevedra, Galicia e España".
Por todo iso estes alumnos do Carlos Oroza queren denunciar o estado destas instalacións educativas, dependentes da Deputación de Pontevedra, e "o pouco interese que esta institución ten por facilitarnos un espazo adecuado cunhas mínimas condicións imprescindibles para a actividade docente".