Tres pontevedreses confesan que pertencían a unha rede que traía heroína dende o sur da Península
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Tres veciños de Sanxenxo e Moraña recoñeceron este martes ante o tribunal da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra que formaban parte dun grupo organizado que se dedicaba ao transporte de heroína desde o sur da Península Ibérica ata Pontevedra para a súa posterior distribución entre os consumidores finais do produto e confesaron unha actuación en concreto no ano 2014 na que trouxeron desde Murcia a Galicia un alixo de dez quilos desta sustancia.
O veciño de Moraña José María D.P. e os veciños de Sanxenxo Benjamín C.T. e Ana Isabel V.O. recoñeceron a súa culpabilidade e sinalaron como líder do grupo ao cuarto imputado que sentaba con eles no banco dos acusados o mozo natural de Albania Erion M., en situación irregular en España e actualmente en prisión preventiva.
Erion, actualmente en prisión preventiva por estes feitos, estivo asistido por unha intérprete xurada de albanés, pero finalmente non foi necesaria a súa intervención, pois el dixo que non quería declarar. Curiosamente, a acusada Ana Isabel V.O. que no ano 2014 era noiva de Erion M., asegurou que el "entiende perfectamente" español e na sala de vistas puidéronse escoitar conversacións telefónicas nas que interviña o procesado e escoitábaselle falar o idioma sen dificultades.
Os tres que confesaron chegaran previamente a un acordo de conformidade coa Fiscalía para reducir a pena que cumprirán, pero o xuízo tivo que celebrarse de todos os xeitos porque o cuarto imputado non chegou a ese acordo. O mozo albanés, ademais, foi un dos protagonistas da sesión celebrada na Audiencia, pois no mes de setembro renunciara ao seu avogado xusto o día en que estaba sinalado o xuízo e este martes tiña un novo letrado que pediu que se suspendese o xuízo de novo porque non tivera tempo a preparar a súa defensa.
A maxistrada presidenta da Sección Cuarta, Nélida Cid, negouse á suspensión e tamén lle comunicou a ese avogado que resolverá en sentenza outra das súas peticións: que se anulen as escoitas telefónicas realizadas aos procesados durante a investigación por vulnerar os seus dereitos fundamentais. A Fiscalía opúxose a que se anulen esas probas.
Ana Isabel V.O. recoñeceu que formaba parte do grupo e describiu o papel de cada un dos integrantes. Erion era o líder, ao ter os contactos cos subministradores da heroína no sur de España e ser a persoa que negociaba e concertaba as compras da heroína e logo distribuíaas en Galicia. Ela facía tarefas de "colaboración" e os outros dous imputados, José María e Benjamín, encargábanse do transporte da heroína desde o sur de España ata Pontevedra.
José María D.P. indicou que estaba "arrepentido" e Benjamín C.T. que o fixo porque "económicamente estaba muy mal"
Estes dous imputados relataron que a eles contratounos Erion para facer unha viaxe a Murcia a cambio de pagarlles 5.000 euros a cada un que deberían cobrar cando chegasen a Pontevedra coa droga. Para o transporte seguiron as instrucións que el lles daba e usaron un Audi A3 de Benjamín dotado dun mecanismo expresamente deseñado para levar oculta a droga evitando posibles controis policiais. Segundo explicou José María, antes desa viaxe a Murcia de maio de 2014 realizaron outro días antes, pero "tivemos que vir de volta sen nada".
José María D.P. indicou que estaba "arrepentido" de participar nesta actividade de tráfico de drogas e Benjamín C.T. explicou que o fixo porque "económicamente estaba muy mal" e necesitaba diñeiro para sufragar a súa adicción ás drogas. Ambos aseguraron que contactaban con Ana Isabel ou Erion, pero que el era o líder. Neste papel que desempeñaba o mozo albanés tamén coincidiron policías e gardas civís que participaron nas investigacións e detencións en 2014, que puideron constatar que "era el destinatario" da droga.
O fiscal consideráballes a todos eles autores dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de sustancias que causan grave dano para a saúde en cantidade de notoria importancia e outro de integración de grupo criminal polo que deberían cumprir nove anos e medio de prisión cada un, isto é, unha pena total de 38 anos. Finalmente, os tres que confesaron verán reducida a súa pena.