O goberno local aproba o plan de conservación dos Gafos
Por Redacción
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra celebrada este luns aprobou o plan de conservación do río dos Gafos, un documento imprescindible para que a declaración provisional de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) se converta en definitiva.
Segundo explicou o portavoz do goberno local, Raimundo González, o documento inclúe todas as actuacións de mantemento do arborado, control de especies invasoras, da flora e a fauna e a conservación do as especies autóctonas.
Este plan irá ao próximo pleno antes de ser remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva que converterá aos Gafos no segundo Espazo Natural de Interese Local do municipio tras o da Xunqueira de Alba.
Segundo Raimundo González, esta declaración supoñerá a medio prazo "unha mellora substancial de todo esta contorna natural", próximo ás 47 hectáreas comprendidas desde O Marco ata Vilaboa, quedando fóra o percorrido urbano.