Os responsables de Mara Poio negan que vendesen como quilómetro 0 un vehículo sinistro total
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Os encargados e responsables de Mara Poio, concesionario de vehículos Kia en Andurique, mantiveron este xoves a súa inocencia das acusacións que os sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra. Un cliente acúsaos de venderlle coma se fose quilómetro 0 un vehículo Kia Carens que en realidade fora declarado como sinistro total nun accidente, pero eles manteñen, con distintas estratexias, a súa inocencia.
Benito C.M. asegurou que non coñecía aos clientes denunciantes, unha parella de Vigo que contactara cun comercial de Kia no Salón do Automóbil do Ifevi, e que, no caso de que realmente eles realmente comprasen o seu coche no seu concesionario non fora a través del. Pablo Guillermo C.M. recoñeceu que vendeu un coche á parella en cuestión, pero que en todo momento díxolles que non era un coche novo. O terceiro acusado, Manuel C.M., negou toda vinculación coa venda, alegando que eses feitos foron do ano 2008 e el levaba desde 2004 desvinculado do día a día da empresa.
Os procesados tentaron separar as empresas das que son responsables unas das outras para tentar eludir responsabilidades, pero as testemuñas puxeron de relevancia os vínculos entre todas as sociedades. Mara Poio e Ponte Roda teñen o mesmo domicilio social en Poio. Xusto á beira, atópase o establecemento Talleres Auto Mara. De Mara Poio son socios Manuel e Benito C.M. e este último administrador único. De Ponte Roda é socio fundador Manuel C.M. e administrador único Pablo Guillermo C.M.
No xuízo celebrado na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra declararon as dúas persoas que presuntamente sufriron a estafa e denunciaron a Mara Poio. O home, A.C.G., asegurou sen ningún xénero de dúbidas que Benito C.M. "es el que nos ha vendido el coche", pero que Manuel C.M. tamén tivo implicación porque "cuando había que tomar una decisión importante le llamaron a él" e que o terceiro imputado, Pablo Guillermo C.M. "normalmente era el que andaba metiendo y sacando coches" do concesionario.
O home asegurou que "nunca" lle dixeron que o coche xa tivera un accidente e que eles se achegaron ata o Ifevi e logo ata o concesionario de Kia en Poio porque "íbamos a comprar un coche nuevo". Os tres procesados están acusados dun delito de estafa polo que o fiscal pide que lles condenen a dous anos de prisión e a súa vítima insiste en tal extremo, pois, no seu caso, "yo creo que un poco más que engaño".
Polo coche pagaron 18.650 euros e entregaron un Opel Astra propiedade do sogro do comprador, de modo que o fiscal considera que os tres procesados deben indemnizar ás súas vítimas con 21.520 euros polo prezo pago e os intereses pagos polo financiamento, 3.104,26 euros. O procesado insistiu en que "no es solo el valor del coche", senón que os danos son maiores que os económicos, "es el dolor que nos están haciendo pasar" e que a súa esposa estaba embarazada.
Outro das testemuñas foi a súa esposa e tamén vítima, que tamén asegurou que o coche llo venderon en Mara Poio e "nos dijeron que era kilómetro 0". Desde a compra non pararon de sucederse os problemas e mesmo asegura que inicialmente non lles entregaron a documentación do coche e tardaron un tempo en conseguila. Eles descubriron o que pasaba porque necesitaron pintar o coche e, cando quixeron facer uso da garantía, dixéronlles que o coche non era orixinariamente da cor negra que eles o compraron, senón que o coche xa fora repintado. Dados os problemas derivados, acabaron en Consumo e no xulgado e xa se decataron de que o coche xa llo venderon antes a outro cliente e o 29 de decembro de 2007 sufriu un accidente no que foi declarado sinistro total.