Drama por tumbas profanadas en San Amaro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Cos ollos vermellos e unha expresión a medio camiño entre a indignación e a dor catro veciños de Vilaboa percorren diversos corredores de panteóns do cemiterio de San Amaro. Son unha nai e os seus tres fillos que cada día, dende hai tres anos, acoden ao camposanto para pasar o día xunto á tumba do pai de familia falecido, pero este venres a súa rutina diaria viuse alterada e non ocultan a rabia que senten. Cando chegaron pasadas as nove da mañá encontráronse con dous panteóns próximos, un deles dun familiar, danados e nun deles o nicho destapado e unha caixa dun defunto recente á vista.
O impacto inicial transformouse en enfado e logo en rabia e indignación e inmediatamente avisaron as familias propietarias dos panteóns danados. Coñécenos. Todos teñen en común lazos familiares e que son de etnia xitana. Mentres os autores do achado residen en Vilaboa os outros dous nucleos familiares son do Vao de Abaixo.
Non tardaron en presentarse as vítimas e o cemiterio empezou a encherse. Varias decenas de persoas achegáronse para ver de primeira man os danos e ningún se librou de que lle esvarasen as bágoas pola meixela. Para toda persoa a perda dun familiar é dolorosa e ver que os seus restos mortais foron vítimas dun delito recorda aquela dor. Cando a familia é de etnia xitana "nuestras costumbres y nuestra cultura hacen que esto sea aún más doloroso", explica un deles a PontevedraViva. "Sé que para todos la muerte es algo muy duro, pero en nuestra cultura lo tomamos más a pecho, que toquen estas tumbas es como si nos tocasen a nosotros a través de nuestros muertos", engade.
O ambiente de indignación e dor que se viviu no cemiterio alcanzou o seu punto de máxima tensión cando chegou a viúva dun veciño do Vao falecido fai pouco máis dun mes, o 10 de decembro de 2012, aos 40 anos. O féretro cos seus restos mortais podíase ver dende o exterior, os autores dos estragos arrancaron a tapa coa súa inscrición e deixárona apoiada ao lado dos centros e ramos de flores que rodeaban o panteón. A muller "se cayó al suelo dos veces, estaba totalmente ida",relata o seu primo de Vilaboa.
Neste panteón os autores dos estragos fracturaron por completo unha das follas de cristal que o pecha, arrancaron a tapa dese nicho e deixaron as flores esmagadas. No corredor inferior do cemiterio está o outro panteón afectado, ao que forzaron o fecho e arrancaron as tapas de todos os nichos, se ben neste caso non había ninguén enterrado e non quedou ningunha caixa ao descuberto.
Os danos materiais son importantes, pero non o que máis enfado esperta entre as vítimas. Recordan que hai dúas semanas, na madrugada do domingo ao luns, outros dous panteóns sufriron danos similares. Eles aseguran que as tumbas "fueron profanadas" aínda que o termo policial se limita a falar de "danos" porque os féretros non se abriron e se queixan de que nos dous deste venres e os dous da anterior ocasión "solo causaron daños en panteones de gitanos", de modo que o toman como algo persoal.
"Ya nos preguntó la Policía si sabíamos de alguien que tenga algo contra nosotros, le dijimos que no, pero esto no nos gusta nada, algo tiene que haber, a lo mejor venían a buscar dinero, pero no lo encontraron, no había nada". Unha das tumbas da anterior ocasión foi, ademais, a do patriarca do Vao, de modo que o incidente causou "moito máis enfado" entre os seus achegados. Se é o caso, chegaron a abrir un par de nichos, pero non danaron a estatua de bronce de máis de 2.000 quilos de peso que recorda a figura do referente da comunidade xitana pontevedresa.
Se hai dúas semanas a actuación dos afectados se limitou a presentar unha denuncia ante a Policía Nacional, nesta ocasión non están dispostos a deixalo pasar. Este venres o seu enfado e o balbordo provocado requiriu a intervención das policías Local e Nacional. Axentes do Corpo Nacional de Policía mesmo acordoaron a zona mentres a Policía Científica recollía pegadas no féretro descuberto e no resto dos puntos que puideron tocar os autores dos estragos.
Rematada esta tarefa, a zona quedou despexada e a Policía Nacional xa abriu unha investigación por un delito de danos, pero os presentes tomaron unha determinación. A partir da noite deste sábado acamparán diante dos seus panteóns. "Vendremos 200 o más y vamos a dormir aquí enfrente, traemos las furgonetas y aparcamos dos en cada pasillo en el que hay un panteón de un gitano, los que hicieron esto no lo van a volver a hacer, ya le pedimos permiso al administrador", explican. Están seguros de que os autores actúan de noite e o seu obxectivo son tumbas de familias de etnia xitana e manterán esta acampada no cemiterio ata que logren dar cos autores ou os persuadan de volver actuar.