Nodosa e Factoría Naval presentarán ofertas conxuntas para a construción de novos barcos
Por Diego Espiño
Os dous estaleiros con sede no Porto de Marín, Nodosa e Factoría Naval, seguirán colaborando en 2013 en busca de estabilizar unha situación que segue sendo moi difícil para o sector.
Despois de tres meses nos que Nodosa utilizou as instalacións dos seus veciños mediante aluguer para a reparación de barcos, as dúas empresas asinaron un convenio para continuar con este aluguer puntual pero coa vista posta en presentar ofertas máis competitivas que poidan atraer a construción de buques.
Con todo o día a día seguirá sendo a reparación, como confirma o director xeral de Nodosa Daniel Dopico, "la reparación es prioritaria porque es lo que nos mantiene día a día, pero compartiremos aspectos técnicos o recursos humanos para atraer nueva clientela internacional o acudir a ferias especializadas".
Nas bancadas de Factoría Naval reparáronse nos últimos meses seis barcos que devolveron a actividade a un estaleiro que levaba máis dun ano parado. Agora, despois de aboar o último prazo da débeda que mantiña cos seus provedores, Factoría aspira a ir recuperando a clientela perdida. De momento, como recoñece Enrique Lago, estase a negociar en varias frontes que poderían frutificar en breve espazo de tempo, "hay muchas posibilidades de concretar pronto nuevas reparaciones".
Na parte laboral, Factoría reduciu o seu plantel ata contar unicamente con 22 traballadores, unha cifra que dende o comité de empresa esperan poida crecer, segundo o representante sindical Ángel Torres, co convenio subscrito para 2013, "estamos esperanzados de que venga trabajo para que los compañeros que salieron puedan volver a entrar y las subcontratas tengan también trabajo en Factoría Naval".