Tres feridos por unha explosión de gas nun piso de Juan Bautista Andrade
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tres persoas resultaron feridas este martes a consecuencia dunha explosión rexistrada no interior da súa vivenda da rúa Juan Bautista Andrade de Pontevedra, na zona de Lérez e o estadio de Pasarón. Os tres requiriron asistencia médica e un tivo que ser trasladado á Unidade de Queimados do Hospital Povisa de Vigo.
Os tres feridos sufriron queimaduras de distinta consideración. O peor parado tivo que ser trasladado ao centro vigués. Ademais, resultaron dúas persoas máis, que foron atendidas por efectivos de Urxencias Médicas de Galicia e posteriormente trasladadas ao hospital de Montecelo.
Trátase de tres persoas adultas de entre 32 e 40 anos. Non eran membros dunha mesma familia, a pesar do publicado inicialmente de xeito equivocado por este medio.
O incidente produciuse, segundo informou a Policía Local, nunha vivenda do número 53 da rúa Juan Bautista Andrade. Ocorría pouco antes das 22.00 horas deste martes nun primeiro piso do citado edificio e obrigou a intervir a efectivos da Policía Local e o Corpo de Bombeiros de Pontevedra.
A explosión produciuse, segundo os primeiros indicios, por acumulación de gases na parte traseira da vivenda, pero o Corpo de Bombeiros de Pontevedra terá que determinar aínda as causas e circunstancias do suceso. Ademais, abriuse unha investigación para aclarar o ocorrido.
Por mor da explosión producíronse danos materiais no piso, pero, segundo as primeiras estimacións, non se rexistraron danos en máis vivendas do inmoble. Tampouco foi necesario desaloxar o edificio, aínda que algúns veciños saíron das súas casas voluntariamente. Outros quedaron nas súas, pero asomáronse ás xanelas para facer un seguimento do que sucedía.
Ademais, numerosos veciños e curiosos concentráronse na beirarrúa e os arredores para coñecer destalles do sucedido. A Policía Local acordoou a zona e, unha vez que os bombeiros e policías deron a intervención por controlada e determinaron que non había perigo, fíxose cargo da situación a empresa de xestión do gas.