Éxito da Festa do Marisco que pecha a súa edición de 2015 con máis de 530.000 euros en vendas
Por Redacción
A Festa do Marisco do Grove revalidou, un ano máis, o seu éxito como un dos eventos gastronómicos máis importantes de todo o noroeste peninsular. Tras doce días servindo o mellor marisco da ría, pechou as súas portas cunha estimación de vendas de 532.137 euros. Trátase de preto dun 20% máis de facturación que o pasado ano, no que se ingresaron preto de 475.000 euros.
Na carpa oficial situada na praza do Corgo servíronse, segundo os datos desvelados polo Concello do Grove, un total de 116.794 racións das diferentes preparacións que se ofertaban no menú. Unha vez máis, o arroz de marisco foi o preferido polos visitantes.
A pesar do mal tempo que fixo esta ponte festivo da Hispanidade, o sábado 10 e o domingo 11 de outubro foron, de longo, os mellores días de vendas. Só entre os dous días facturáronse case 200.000 euros e servíronse máis de 43.000 racións.
A estes excelentes datos, lembran desde o goberno municipal, hai que sumar o gasto que veciños e visitantes realizaron na hostalería local e nos hoteis do municipio, que rozaron o cheo ao longo destes últimos días.
O alcalde do Grove, José Cababelos, fixo un balance "moi positivo" desta 52 edición da Festa do Marisco e avanzou que o obxectivo para 2016 será conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, o que permitirá unha maior proxección para este evento. Ademais, suxire a posibilidade de ampliar as actividades complementarias para reforzar ao Grove como destino turístico de referencia nas Rías Baixas.
Relacionadas:
-
A Festa do Marisco do Grove rebaixa as súas perdas á cifra de 73.900 euros
Por Redacción |
-
A carpa da Festa do Marisco do Grove albergará ata novembro actividades culturais
Por Redacción |
-
Nuno Costa e Leticia Fernández, vencedores da XVII Carreira Festa do Marisco
Por Redacción |
-
O Grove entrega as súas 'Centolas de Ouro'
Por Redacción |
-
Un grovense completa en bicicleta de piñón fixo a ruta dende París ata a Festa do Marisco
Por Redacción |