Os nenos redeseñan ao seu gusto a Praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez
Un grupo de cincuenta escolares de 9 e 10 anos do Colexio público de Barcelos participaron nun proxecto educativo que culminou cun redeseño acordado da Praza de Barcelos.
Unha representación destes rapaces acudiu este martes ao Concello de Pontevedra para presentar a súa proposta ao grupo de goberno.
Os concelleiros Carmen Fouces e Luís Bará, escoitaron moi atentos a propostas "coherentes e lóxicas" destes "magníficos asesores de mobilidade".
En resumo, os nenos expoñen cambiar o sentido da circulación do tráfico rodado, de maneira que a entrada ao colexio non quede interrompida polo paso dos coches e limitando a circulación no viario lindeiro co muro do convento ao acceso a garaxes e servizos.
En canto á praza, os nenos apostan por cambiar o lousado por zona verde cun bosque urbano e un gran xardín floral. Ademais, suprimen a fonte e o areeiro. Tamén cambian os columpios por outros diferentes.
Os pequenos acompañaron as súas explicacións cun plano deste proxecto escolar que foi premiado por EducaBarrié, da fundación Barrié, dentro do seu programa para estimular o labor do profesorado.
Este innovador proxecto educativo ten detrás un laborioso traballo desenvolvido durante varios meses da man de tres arquitectas da asociación Taller Aberto e en colaboración con varios profesores.
Ao principio os nenos propuxeron todo tipo de ideas para a praza como un aquapark, un zoo ou tirolinas, mesmo tirar abaixo o muro do convento de Santa Clara e aumentar o espazo público. Pero despois de estudar as distintas posibilidades e realizar un traballo de campo no que inventariaron e debuxaron todos os elementos que conforman este gran parque público foron limitando a súa proposta a aquelas ideas máis viables.