O PP denuncia que a "chapuza" da praza de España obriga a gastar outros 150.000 euros ao Concello
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros do Partido Popular, María Biempica e César Abal, denunciaron que a memoria do novo proxecto que o Concello ten previsto executar para arranxar o contorno da praza de España recolle unha rechamante relación de deficiencias detectadas nese espazo.
Segundo os edís populares estes defectos deixan en bastante mal lugar as custosas obras de reformas acometidas nos últimos anos nesta área.
César Abal insistiu en que nin a mellora integral da Alameda que se afrontou hai algúns anos, nin sobre todo a obra en superficie coa que se completou en 2010 a construción do aparcamento soterrado, serviron para que o espazo que envolve o Monumento aos Heroes de Pontesampaio conte hoxe con sistema de rego axeitado, un axardinamento en condicións, drenaxe ou unha adecuada accesibilidade, segundo puntualiza especificamente o novo proxecto.
"Aquela mala xestión no seu día, unha máis, significa agora un gasto de 150.000 euros", dixo.
A maiores, Biempica e Abal lembraron que a calidade e tamén un investimento maior na urbanización da praza foron no seu día uns dos criterios utilizados para adxudicar a concesión do párking, establecéndose ao inicio das obras un orzamento de case un millón de euros para esta actuación en superficie.
Por iso non entenden por que se colocou entón un lastro de granito de menor calidade e custe ao que estaba contratado nin tampouco saben que foi das papeleiras e bancos que a véspera da inauguración, en novembro de 2010, anunciou o concelleiro Mosquera que se instalarían unha vez asentada a capa de terra dos xardíns.
O Partido Popular cree que o Concello debe acometer un proxecto que permita recuperar todo este espazo para os cidadáns, pois hoxe está convertido nunha área unicamente de paso.
O Concello xustificou no seu momento a frialdade do deseño da praza co seu destino no verán como recinto para actuacións musicais, pero María Biempica e César Abal entenden que este uso non é necesariamente incompatible co aproveitamento do contorno para o lecer.