Despois do festivo vai achegarse un anticiclón ás Rías Baixas
Por Redacción
Ao longo deste luns festivo, Día da Hispanidade, os ceos irán despexándose coa chegada dun martes en que Galicia manterase nunha situación intemedia entre a borrasca situada no sur da Península e o anticiclón que procede das Illas Británicas.
O martes 13 amencerá con intervalos nubrados coa posibilidade dalgún chuvasco ocasional, segundo as previsións de Meteogalicia, pero ao longo do día iranse abrindo grandes claros en xeral. As tempertaturas mínimas sufrirá un moderado descenso, mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará moderado do nordeste.
As Rías Baixas quedan na influencia do anticiclón situado no mar do norte, polo que se agarda un tempo seco e estable para o mércores 14. Os ceos permanecerán pouco nubrados ou despexados en xeral. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso mentres que as máximas non sufrirán cambios significativos situándose entre os 11 e os 23 graos. O vento continuará soprando frouxo do nordeste.
O anticiclón permanecerá a partir do xoves e ata o fin de semana na contorna das Rías Baixas con temperaturas que se manterán estables, con máximas altas para esta época do ano.