Rescatan un home que caera ao Lérez á altura do Club Naval
Por Diego Espiño
A rápida intervención dun pontevedrés resultou clave na mañá deste domingo para evitar o afogamento dun home de 74 anos no Río Lérez.
O home paseaba en solitario pola beira do río cando, xunto ao Club Naval, asomouse a unha das rampas que dá acceso ao auga e escorregou caendo ao río.
O suceso foi presenciado por outro paseante, que enseguida se tirou á auga para axudar a saír ao home.
Avisados os servizos de urxencia, unha unidade do 061 atendeuno ao presentar síntomas de hipotermia, polo que foi trasladado ao Hospital de Montecelo.
Ata o lugar achegáronse tamén efectivos de Policía Local, Policía Nacional e Bombeiros, aínda que neste último caso xa non chegaron a intervir.
O accidente produciuse poucos minutos antes das 12:00 horas, segundo informou a Policía Local de Pontevedra.