Os nenos da escola infantil Príncipe Felipe plantan as verduras de outono na súa horta
Por Redacción
Os 87 pequenos do Centro de Educación Infantil, dependente da Deputación Provincial, realizaron este venres a plantación das verduras de outono na súa horta das instalacións de Príncipe Felipe. Esta actividade enmárcase dentro do 'mes da natureza galega' que comezara a pasada semana coa vendima e que continuará ao longo de todo outubro con produtos autóctonos e propios deste tempo, como son o millo, as cabazas e os calacús.
Nesta actividade participou a deputada de Benestar Social, Eva Vilaverde, para coñecer de primeira man como se desenvolve o programa educativo da Escola, baseado no fomento da autonomía persoal dos nenos e no desenvolvemento da súa personalidade desde as idades máis temperás.
Eva Vilaverde participou primeiro na plantación que se realizou no interior da gardaría, onde o grupo de nenos máis pequenos, de cero a un ano, plantaron leitugas e experimentaron coa terra en pequenas macetas.
No exterior, o grupo máis numeroso, de arredor de 50 rapaces, realizaron unha plantación de case unha decena de verduras de outono: repolo de Corón, cebola, col de Bruxelas, coliflor, leituga, col, repolo redondo e nabicol. Durante máis de hora e media, as crianzas participaron en todos os procesos de plantación, desde botar o compost ata introducir a planta na terra e regala posteriormente.
Esta iniciativa realízase para fomentar a experiencia directa, para que os nenos poidan aprecian mellor as particularidades da estación, complementando o traballo teórico das clásicas fichas. Para iso, durante os vindeiros venres do mes de outubro continuaranse con este tipo de actividades. O día 16 estará dedicado ó millo e os pequenos coñecerán como se fai a semente e a recolección, e farán flocos de millo. O día 23 plantarán calacús e o día 30 traballarán tamén con cabazas e calacús, baleirándoos e dándolles diferentes formas para celebrar o Samaín.
Tamén se fará unha "noite meiga" na que haberá unha degustación de chulas. Para o mes de novembro, está previsto realizar un magosto e celebraranse días dedicados á música e ós dereitos da infancia.
A Escola Infantil Príncipe Felipe ten matriculados 87 rapaces, que se dividen en diferentes grupos de idade. O primeiro grupo (0-1 anos) ten sete nenos a cargo dunha educadora. O segundo grupo (1-2 anos) ten tres aulas e conta con 37 rapaces pola mañá (con 13 como máximo por educadora) e tres na quenda de tarde. O terceiro grupo (2-3 anos) ten dúas aulas, con 38 nenos pola mañá (19 por educadora) e outros dous pola tarde.