O goberno bipartito de Cuntis arranxará a desfeita no campo das Canteiras "que non atendeu o PP"
Por Redacción
A Deputación provincial de Pontevedra aprobou a mellora das instalacións deportivas do campo de futbol das Canteiras, cun orzamento total de 49.563,64 euros a cargo dos plans provinciais de investimentos, tal e coma solicitara o actual goberno bipartito PSdeG-BNG, no Concello de Cuntis.
Ditas melloras foron demandadas en repetidas ocasións polo Clube de Atletismo Cuntis, "mais non foron atendidas polo anterior equipo de goberno do Partido Popular", salientaron dende o goberno local.
As obras foron un compromiso do Grupo Socialista dende que tomou posesión no goberno de Cuntis, xa que se comprobou que o campo de futbol municipal das Canteiras "atopábase nun estado de abandono total polo anterior equipo de goberno".
O Concello de Cuntis contratou a elaboración do proxecto de execución da obra no que se tiveron que realizar por parte da empresa redactora unha serie de catas no terreo para poder analizar con detalle a execución do dito proxecto. O traballo foi supervisado polo técnico municipal, o propio alcalde, Manuel Campos e a concelleira de deportes, Conchy Campos Fernández.
O Clube de Atletismo Cuntis goza dunha reputación recoñecida a nivel autonómico e nacional, naceu como escola municipal deportiva no ano 1988 e convirteuse en Clube Atletismo Cuntis en 1994 mantendo o seu estatus, participando nos campeonatos do mundo e acadando algún éxito a nivel nacional, cun destacado palmarés nas distintas categorias.