Quince pontevedreses traballarán para o Concello durante dous meses co Plan de Emprego provincial
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Pontevedra cubrirá quince postos de traballo dentro do Plan de Emprego que puxo en marcha a Deputación. Os beneficiarios, durante dous meses, traballarán 35 horas semanas e recibirán un salario mensual de mil euros.
En concreto, serán dous conserxes, dous oficiais de primeira de xardinería, catro operarios de xardinería, catro oficiais de primeira en albaneis, dous operarios albaneis e un delineante.
Esta contratación será aprobada pola Xunta de Goberno Local que solicitará ao Servizo Público de Emprego os candidatos das categorías anteriormente citadas.
É a resposta que dá o goberno municipal ao Partido Popular que, este mesmo venres, avanzaba que esixían que o goberno municipal faga públicos os perfís e as características dos postos de traballo que ocuparán os beneficiarios do Plan de Emprego da Deputación no Concello de Pontevedra.
O PP quere que, nun exercicio de transparencia, o goberno municipal diga exactamente que tipo de posto laboral pedirá ao INEM para que "que os veciños de Pontevedra podan comprobar se están inscritos con ditas características e por tanto serían susceptibles de ser chamados para cubrir os postos ofertados".
Segundo explicou a concelleira María José Rodríguez Teso, se se actúa desa maneira "evitaríanse comentarios que deixen en mal lugar ao noso Concello", sobre todo cando un informe policial, dixo, suxire que "están actuando como oficina de contratación dunha empresa determinada". Iso si, estes supostos enchufes, apuntou, tamén se produciron en anteriores plans provinciais.
Ademais, a edil popular, que celebrou a ampliación de horario e o aumento de soldo para os contratados, criticou a escasa duración deste novo plan de emprego e lembroulle ao goberno de Fernández Lores que as políticas de emprego deben potenciarse desde todas as administracións, incluído o Concello de Pontevedra.
RESPOSTA DO GOBERNO
Neste sentido, o Concello avanza que non consignará na oferta de emprego os códigos de ocupación, xa que considera que a oferta será “moito máis obxectiva” se envía ao Servizo Público de Emprego só as categorías dos postos que solicitan. Será a Oficina de Emprego Público a encargada de rexistrar ese código unha vez que lle chegue a oferta.
Dende o goberno municipal recomenda que as persoas interesadas revisen os seus códigos como demandantes de emprego, e de non axustarse á descrición que se soliciten o cambio na Oficina de Emprego.
Relacionadas:
-
Poio contratará 30 persoas grazas ao Plan de Emprego da Deputación
Por Redacción |
-
Sanxenxo contratará 30 traballadores con cargo ao Plan de Emprego provincial
Por Redacción |
-
Os 62 concellos da provincia de Pontevedra apúntanse ao Plan de Emprego da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O PSdeG-PSOE propón destinar 500.000 euros para complementar o plan de emprego da Deputación
Por Redacción |
-
O novo plan de emprego da Deputación duplicará o salario que recibirán os seus 1.550 beneficiarios
Por Alejandro Espiño |