O equipamento radiolóxico dos centros sanitarios de Pontevedra e O Salnés vai ser actualizado
Por Redacción
Os centros sanitarios de Pontevedra e O Salnés renovarán ou actualizarán o equipamento das salas de tecnoloxía e diagnóstico pola imaxe.
Deste xeito os centros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés disporán da alta tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade diagnóstica e asistencial, mellorar a dispoñibilidade do equipamento e atender de forma máis eficiente a demanda das probas diagnósticas e dos procedementos terapéuticos que empregan estas tecnoloxías.
Para a área integrada de Pontevedra e O Salnés inclúe a incorporación dunha nova resonancia magnética no hospital Montecelo, que será a segunda con que conte este centro sanitario. En Montecelo se instalará tamén unha nova sala de hemodinámica e radioloxía vascular avanzada.
Procederase a dixitalización completa de toda a mamografía, coa dotación de tres novos mamógrafos dixitais, para o hospital Montecelo, o hospital do Salnés e a Unidade de Detección Precoz do Cancro de Mama, substituíndo aos que funcionan nestes momentos. Catro novos equipos de radioloxía dixital, nos hospitais Provincial e Montecelo, no centro de saúde Virxe Peregrina e no hospital do Salnés, substituirán aos actuais equipos de radioloxía convencional.
A estes novos equipamentos hai que engadir a evolución tecnolóxica da resonancia magnética e o TAC que funcionan actualmente en Montecelo e de tres salas de radioloxía, que permitirán mellorar a atención á cidadanía e poñer a disposición dos profesionais da saúde as técnicas máis avanzadas en diagnóstico pola imaxe.
A incorporación do novo equipamento e a actualización do existente realizarase por fases, para asegurar o mantemento do servizo e a atención aos pacientes. Comezará, de forma inmediata, pola instalación dunha sala de radioloxía dixital no centro de saúde Virxe Peregrina, estando prevista tamén para o último trimestre deste ano a incorporación dos tres mamógrafos dixitais, a instalación da nova sala de radioloxía vascular avanzada en Montecelo e a dixitalización dunha sala de radioloxía no hospital Provincial.