Os bombeiros interveñen en dúas vivendas nas últimas horas para auxiliar a persoas maiores
Por Cristina Saiz
Os bombeiros do parque de Pontevedra tiveron que rescatar a dúas persoas de avanzada idade que viven soas e caeran nos seus domicilios e foi necesaria a intervención dunha dotación para acceder ás vivendas.
Ao redor das 12.30 horas deste xoves 9, os bombeiros tiñan que acudir despois de ser alertados pola Policía Nacional ata o número 16 da rúa Benito Corbal ante a petición de auxilio dunha persoa de 90 anos que sufrira unha caída na ducha o pasado luns. Ata o lugar desprazouse tamén a Policía Local e unha ambulancia medicalizada do 061.
A presenza de todos estes efectivos na céntrica rúa provocou que numerosos curiosos estiveran expectantes ante o edificio preguntándose que sucedía. Finalmente, os Bombeiros conseguiron acceder ata o interior da vivenda por un patio interior e o home saíu en padiola do seu domicilio para ser trasladado a un centro hospitalario.
Esta intervención non foi a única porque ás 04.20 horas, os bombeiros tamén tiveron que acudir ata a rúa Amado Carballo, segundo informaron dende o Parque Municipal, con motivo dunha alerta dun home de avanzada idade que escorregara na bañeira e non era capaz de incorporarse. Os bombeiros acudiron ata o piso e lograron abrir a vivenda para que os efectivos do 061 puidesen atender á vítima.
ATROPELO
Tamén se rexistrou a primeiras horas da mañá un atropelo a unha muller de avanzada idade na rúa San Antoniño. A muller foi trasladada con feridas leves a un centro hospitalario por unha ambulancia medicalizada.