Os pais do Álvarez Limeses retiran a demanda contra o Concello pola convocatoria de subvencións
Por Redacción
A asociación de nais e pais de alumnos (ANPA) do CEIP Álvarez Limeses decidiu retirar a demanda que presentara contra o Concello de Pontevedra por presuntas irregularidades no procedemento e as bases de concesións de subvencións a Anpas ante o novo 'talante' e a actitude dialogante que se atoparon na concellería de Educación.
Representantes do Anpa e a concelleira responsable da área, Carmen Fouces, deron unha rolda de prensa conxunta este mércores para dar a coñecer a decisión e escenificar as boas relacións existentes na actualidade. E é que nos tres últimos meses tiveron "máis reunións ca nos últimos catro anos". No anterior Goberno local, isto é, o últimos catro anos, a concellería de Educación era responsabilidade do grupo municipal do PsdeG-PSOE.
O presidente do Anpa , Manuel Álvarez Álvarez, explicou que a decisión de retirar o recurso contencioso-administrativo adoptouse nunha asemblea dos pais celebrada o pasado 21 de setembro. Por unanimidade de todos os asistentes, acordouse poñerse en contacto coa súa avogada para que inicie os trámites necesarios para a retirada da demanda.
Segundo explicou Carmen Fouces, esta decisión non significa que algunha das partes recoñeza que tiña a razón no conflito aberto a principios deste ano 2015, senón que chegaron a un acordo de bo entendemento "independentemente de quen tiña razón" para empezar de cero as relacións entre os pais e o Concello.
Manuel Álvarez explicou que á hora de tomar esta decisión influíu que non queren prexudicar a outras Anpa do Concello, pois unha posible sentenza favorable á do Álvarez Limeses implicaría revisar todas as subvencións concedidas na mesma convocatoria e podería derivar en problemas económicos para algún colectivo.
O acordo para retirar a demanda implica, por parte do Concello, o compromiso de convocar o Consello Escolar Municipal, elaborar unhas novas bases para a concesión de subvencións ás Anpa, mellorar os problemas de limpeza nos colexios públicos municipais e empezar a traballar en favor da restauración do edificio abandonado situado no número 11 da rúa Joaquín Costa, pegado ao colexio. O acordo significa, en definitiva, en empezar unha "nova etapa" na que o Anpa terá, "colaboración absoluta", en palabras de Juan Pérez, vogal da asociación.
Relacionadas:
-
Os pais do Álvarez Limeses demandan ao Concello por unha subvención
Por Redacción |
-
Pais de alumnos do Álvarez Limeses denuncian ao Concello ante o xulgado e a Fiscalía
Por Oskar Viéitez |
-
A Anpa do Álvarez Limeses sostén que Agustín Fernández xa estaba informado das súas reivindicacións
Por Redacción |