Ofensiva municipal para renovar, ampliar e crear novos parques infantís e de lecer
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra está disposto a facer unha forte aposta polos parques infantís e os espazos de lecer. Como punto de inicio, o goberno municipal deu orde aos seus técnicos para que redacten un informe sobre o estado de conservación dos que xa hai polo municipio e que fixe as demandas veciñais deste tipo de equipamentos en distintos barrios da cidade.
Segundo o concelleiro Luis Bará, este traballo permitirá continuar co programa de conservación e mellora destes parques -a última actuación foi de 61.000 euros en 32 deles- e afrontar a reordenación, ampliación e, se é necesario, cambio de localización dos parques.
Neste sentido, o edil do BNG afirmou que unha prioridade será ampliar o parque de Barcelos, actuación que se cometerá o próximo ano, ao entender que ten unha utilización "masiva" e precisa dun maior espazo para o lecer infantil.
Con respecto a novos parques e zonas de xogo, Bará indicou que tratarán de ser "polivalentes" para que poidan ser usados por rapaces de distintas idades, incluíndo tamén espazos deportivos. Búscase dar servizo a áreas da cidade nas que e produciu un notable aumento de poboación e se utilizarán, entre outros, terreo que foi adquirindo o Concello nos últimos tempos.
Así, o goberno municipal sinala por exemplo a necesidade dun parque na zona da Avenida de Vigo, en Pasarón, na continuación da pasarela de 12 de novembro ou en Médico Ballina, onde existe un proxecto que non se pode executar porque Fomento aínda non cedeu ao Concello os terreos tras as obras do Tren de Alta Velocidade
Ademais, apostarase por dotar a varios parques da cidade de elementos para nenos con discapacidades -ata agora só están presentes na Alameda- e buscaranse novos terreos para a instalación de parques biosaudables para a práctica da educación física e deportiva, xa que é outra demanda dos veciños.