Dous anos de prisión por ter 6.000 euros falsos gardados nun piso de Sanxenxo
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Un veciño de Sanxenxo aceptou este martes cumprir dous anos de prisión por cometer un delito de tenencia de moeda falsa, tras ser localizado en posesión de 6.000 euros en billetes falsos nun piso de Sanxenxo.
O home sentou no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra e confesou ser autor dos feitos. Previamente chegara a un acordo co fiscal do caso polo que, ante o seu recoñecemento dos feitos, rebaixou a pena que solicitaba inicialmente contra el.
O fiscal pedía inicialmente que o home fose condenado a cinco anos de prisión e ao pago dunha multa de 6.000 euros, pero finalmente só cumprirá dous anos e pagará unha multa de 1.500 euros.
A confesión do procesado motivou que o xuízo non continuase e o maxistrado da Sección Segunda anunciou que se ditará unha sentenza condenatoria contra o procesado. O fiscal revelou que o home ten actualmente antecedentes penais por un delito contra a seguridade viaria, pero os feitos polos que foi condenado foron posteriores ao delito que se xulgaba este martes. Por outros feitos previos fora xulgado en varias ocasións, pero nunca chegou a ser condenado.