O desprendemento dun valado publicitario obrigou a restrinxir o tráfico na avenida de Compostela
Por Diego Torrado
Os bombeiros do Parque de Pontevedra e operarios da empresa encargada do valado publicitario resolveron durante primeiras horas da mañá deste martes 6 os problemas de seguridade que provocaba unha instalación de paneis de publicidade situada nas proximidades do estadio de Pasarón, segundo a información facilitada pola Policía Local.
O temporal provocara que paneis desa estrutura se desprenderan caendo á rúa ao redor das 22.00 horas da noite do luns. A Policía Local procedeu ao corte de tráfico no carril de entrada a Pontevedra da avenida de Compostela para evitar que un novo desprendemento puidese chegar a afectar a algún dos vehiculos que circulasen por este viario.
O tráfico foi desviado pola rúa Médico Ballina cara á rúa Juan Bautista Andrade e tamén cara á ponte de Monte Porreiro. O vento do temporal impediu que se puidese asegurar a instalación publicitaria durante a noite.
Ao redor das 8.30 horas deste martes lográbase asegurar o valado e o tráfico restableceuse con normalidade na zona.