Ceden unha parcela para ampliar o recinto escolar do CEIP Amor Ruibal
Por Redacción
O CEIP Amor Ruibal de Barro contará moi pronto cun novo patio de recreo que aumentará notablemente a superficie do recinto escolar.
Este luns asinouse o convenio de cesión dos terreos, por parte dos seus donos ao Concello de Barro.
Neste convenio recóllese a cesión gratuíta por 25 anos dunha parcela de preto de 600 metros cadrados anexa ao recinto escolar, que vai a contribuír a unha notable mellora para o esparexemento do alumnado do colexio.
Tanto o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, como o director do colexio, Rafael Ruibal, manifestáronlle o seu agradecemento aos propietarios do terreo, "pola súa xenerosidade e boa disposición para facilitar este convenio e conseguir paliar en parte as necesidades de espazo coas que conta o recinto escolar", sinalan desde o goberno municipal
De forma inmediata o Concello vai poñer os terreos a disposición da Consellería de Educación, para que á maior brevidade se acometan as obras necesarias e poidan empezar a utilizarse como patio de recreo.