O Centro de Arte Municipal quere convertirse nun taller de creación para adultos
Por Redacción
Consolidarse como un taller de creación para adultos. Con este obxectivo iniciará un novo curso, o próximo 13 de outubro, o Centro de Arte Municipal de Sanxenxo, situado no Pazo Emilia Pardo Bazán.
Así, poderase acudir ás instalacións nun horario amplo e os seus usuarios terán a oportunidade de utilizar este espazo coma se dun estudo se tratase, aínda que o seu traballo estará guiado por dous profesores licenciados en Belas Artes, que apoiará e orientarán de forma personalizada a cada alumno, que poderá traballar os diferentes procedementos artísticos en función das súas necesidades creativas.
O taller de creación artística permanecerá aberto para os maiores de 16 anos de 12 a 14 horas e de 19.30 a 21.30 horas de luns a xoves, de forma que os alumnos terán a oportunidade de escoller o horario de asistencia que máis lle conveña e acceder libremente ao centro nas horas que permanece aberto. A matrícula estará aberta ao longo de todo o curso, podendo incorporarse os alumnos no momento que consideren máis oportuno.
A metodoloxía que se empregará no caso dos adultos estará fundamentada na formación teórica e práctica de diferentes procesos artísticos. Aprender e ampliar os conceptos principais que permitan un bo desenvolvemento do debuxo do natural, perspectiva, representación do volume para partir do claroscuro, técnicas pictóricas, cor, textura, volume; e a plasmación de imaxes tanto figurativas como abstractas, son as nocións previas que se impartirán no taller e a partir das que os matriculados elixirán a técnica ou método que desexen experimentar.
Con iso, desde o Centro de Arte apostan por impartir un sistema de aprendizaxe personalizada, acompañando a cada alumno no seu proceso particular de traballo e asimilación de datos en función dos seus intereses e inquietudes. Trátase, pois, de posibilitar e ampliar a liberdade creativa partindo dun ensino académico baseado no desenvolvemento de capacidades técnicas e habilidades manuais.
A asistencial ao curso de Centro de Arte ten para os adultos unha cota mensual de 28 euros.
MUSICA PARA ADULTOS
Por outra banda, a Escola Municipal de Música comezou este luns o seu curso para adultos, no que ofrece unha formación práctica en música, dirixida aos afeccionados e a aquelas persoas que desexen orientarse cara a estudos profesionais.
Desde a escola municipal propoñen unha formación musical adaptada e personalizada a cada alumno en materias como Linguaxe Musical e Guitarra. A cota de inscrición é de 25 euros e a mensual de 40 euros. As clases desenvolveranse en horario de 20.30 a 22 horas de luns a mércores.