A Deputación amplía a subvención do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción
Os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes poderán solicitar a partires de deste martes 6 e ata o venres 16 de outubro unha ampliación da subvención destinada a reforzar o servizo de axuda no fogar durante o ano 2015. A ampliación desta liña de axudas vén de ser aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e permitirá ás entidades locais seguir ofrecendo atención ás persoas e unidades familiares que o precisen no seu propio domicilio.
A deputada provincial de Benestar Social, Eva Vilaverde, considera necesaria esta ampliación ante "as crecentes demandas procedentes dos concellos, que nalgúns casos non podían atender solicitudes de urxencia, e nos peores tiñan que proceder a dar de baixa a usuarias e usuarios".
Eva Vilaverde asegura que "este progresivo aumento das necesidades de atención é lóxico tendo en conta a realidade social dos concellos, maioritariamente rurais, illados e cada vez máis avellentados, sobre todo os do interior". Ante esta situación "a Deputación está obrigada legal e eticamente a cubrir esta urxencia social ante as limitacións de recursos impostas aos concellos por pare das Administración superiores", engade a deputada.
Mediante esta liña de axuda, subvenciónanse os gastos de retribucións de seguridade social do persoal auxiliar do servizo de axuda no fogar, así como o gasto do material propio do servizo, como por exemplo luvas, batas, pixamas e zocas. Este servizo pode ser xestionado directamente ou mediante algunha das formas previstas na lexislación de contratos do sector público.
O importe da transferencia aos concellos determínase establecendo unha contía máxima de 2.358,49 euros a cada un dos 53 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. No caso de que o número de solicitudes non cubrisen as cantidades máximas ofertadas, a subvención repartiríase equitativamente entre todos os solicitantes ata, como máximo, a contía solicitada reflectida no formulario de solicitude.