Pontevedra acabará de pagar a débeda con Sogama en xuño de 2016
Por Alejandro Espiño
A 30 de xuño de 2016 Pontevedra terá saldada a débeda que acumula con Sogama e que, segundo acordaron ambas as partes, quedou fixada en 5.051.063,53 euros. Así o anunciou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. O convenio entre o Concello e a sociedade ambiental que establece o calendario de pago asinarase "a mediados desta mesma semana", tras ser aprobado pola Xunta de Goberno.
En concreto, o importe total dos atrasos ascende a case 4,73 millóns de euros e o resto, uns 321.000 euros, correspóndense cos intereses de demora do ano 2009 sobre os que hai unha sentenza firme. O resto de intereses ata 2014 foron perdoados por Sogama e, segundo os cálculos do servizo de Intervención, poderían alcanzar os 817.000 euros.
O primeiro pago desta débeda será efectivo o próximo 30 de novembro. Na devandita data, o Concello de Pontevedra entregará a Sogama 2.866.736,54 euros. O seguinte prazo vence o 30 de marzo de 2016, momento no que o goberno municipal deberá abonar 1.157.514,80 euros; e o último, fixado para o 30 de xullo de 2016, correspóndese coa cantidade restante, 1.206.812,19 euros.
Unha vez que este convenio conta cos informes favorables da asesoría xurídica e os departamentos de Contabilidade e Intervención do Concello, será entregado aos portavoces de todos os grupos da corporación municipal que, segundo Raimundo González, terán acceso ao "expediente completo".
En todo caso, o edil do BNG reiterou que o goberno municipal actuou en todo momento defendendo os intereses dos cidadáns e, en concreto, "defendendo a capa e espada" a aplicación dunha cláusula no convenio vixente pola que se fixaba o prezo para pagar a Sogama por cada tonelada de lixo enviado en función do IPC e do prezo da enerxía. Isto non supuxo, dixo, "carga algunha aos veciños".
A partir de agora, Pontevedra asume o canon único de Sogama e pasará a pagar 74 euros por cada tonelada de lixo que se trate nas instalacións de Cerceda. Así, antes que acabe este mes deberá pagar outros 280.000 euros para actualizar as cantidades correspondentes a este ano. Pero a cambio, o novo convenio non fixa unha cantidade mínima de residuos que hai que enviar a Sogama, o que beneficiará á cidade se se materializa a planta de compostaxe.
Relacionadas:
-
O Concello adianta os prazos que se marcara para o pago da débeda a Sogama
Por Natalia Puga |
-
Satisfacción en Sogama e o Concello ante o acordo que regula o pagamento da débeda
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Sogama condona máis de 500.000 euros para pechar o acordo con Pontevedra pola súa débeda
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra pagará a metade da débeda de Sogama este ano e o resto en 2016
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo e Lores chegan a un principio de acordo para pagar a débeda con Sogama
Por Oskar Viéitez |