Vázquez Roma asegura estar arrepentido e confesa ante o Tribunal que organizou un transporte de tres toneladas de cocaína
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este luns reanudouse na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra o macroxuízo por narcotráfico contra o coñecido como "clan Roma", coa declaración do principal acusado e presunto líder da trama José Ramiro Vázquez Roma quen asegurou estar arrepentido e confesou ante o tribunal que organizou un transporte de tres toneladas de cocaína.
Seguindo o relato pormenorizado que fixo o Fiscal Antidroga, Luís Uriarte, o narco arousán recoñeceu a súa autoría nos feitos que describiu a acusación pública.
A Fiscalía sinalou a Vázquez Roma como o "jefe y director de todo el entramado" e este asumiu a súa participación e mesmo chegou a incriminar a gran parte do resto da vintena de procesados desvelando o seu grao de implicación na operación abortada polas forzas da orde en 2007 e explicando as claves coas que os acusados falaban por teléfono para ocultar as súas intencións.
Igualmente o líder confeso desta rede de narcotráfico admitiu toda a acusación de branqueo de capitais, implicando sen reparos á súa muller, á súa compañeira sentimental e mesmo aos seus pais, en distintas operacións económicas desenvolvidas co diñeiro obtido da droga.
A preguntas da súa avogada Vázquez Roma mostrou o seu arrepentimento "no sólo por mi, sino por todos", dixo ante as maxistradas da Audiencia pontevedresa, insistindo que "no lo volvería a hacer".
Cabe destacar que a avogada de Vázquez Roma non impugnou as picadas telefónicas da Operación Piraña, como si fixeron outros letrados da defensa.
A colaboración mostrada por Vázquez Roma despexa o camiño do Ministerio Público e axudará á resolución deste macroxuízo abrindo a posibilidade dunha rebaixa nas penas solicitadas polo fiscal, que inicialmente solicitou 27 anos de prisión para Vázquez Roma e multas que suman máis de 600 millóns de euros.
Segundo admitiu Vázquez Roma en outubro de hai oito anos, orquestrou con gran parte dos acusados unha operación de descarga da droga desde alta mar cara a terra en dúas planadoras que debían desembarcar en praias de Bueu e O Grove.
Relacionadas:
-
O Supremo absolve o construtor das planadoras do clan de Vázquez Roma
Por Redacción |
-
O narcotraficante Ramiro Vázquez Roma, condenado a once anos de prisión
Por Redacción |
-
O fiscal modificará a petición de penas e multas a parte do clan do narco Vázquez Roma
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A Fiscalía e as defensas negocian un acordo tras a confesión do clan Roma
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza o macroxuízo na Audiencia contra 19 acusados detidos hai oito anos na Operación Piraña
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O xoves dará comezo o macroxuízo por narcotráfico contra 20 membros do 'Clan Roma'
Por Redacción |