Veciños de 19 vivendas de Bueu reclaman solucións a menos dun mes de ser desaloxados
Por Redacción
Os veciños das 19 vivendas do edificio Pintos de Bueu denomínanse "a lona da vergoña de Bueu" e continúan buscando solucións para evitar o desaloxo o próximo 2 de novembro dos seus pisos do inmoble ilegal.
Este luns 5 de outubro, a menos dun mes para que se inicie o desaloxamento, este colectivo presentarase no Concello de Bueu para entregar por rexistro un escrito no que solicitan a aplicación da modificación do artigo 108 da Lei do contencioso-administrativo e que, segundo entenden, pode resolver o seu caso de maneira satisfactoria. O artigo, no seu punto tres, indica que cando un tribunal ordena unha demolición parcial dun inmoble, esixirá, como condición previa á demolición, e agás que unha situación de perigo inminente o impedise, a prestación de garantías suficientes para responder do pago das indemnizacións debidas a terceiros de boa fe.
Ante esta modificación da lei, o grupo de afectados entende que eles non teñen garantías de que vaian ser indemnizados e, por tanto, o Concello podería atrasar a orde de derrubamento establecida en sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Este mesmo luns acudirán ao pleno da corporación a partir das 20.00 horas e, por outra banda, continúan coa recollida de sinaturas tanto nos municipios do Morrazo, que ascenden a 1.250, ademais das máis de 1.150 rexistradas a través da plataforma change.org.
A plataforma veciñal anuncia que incrementarán nas próximas semanas os seus actos de protesta e reivindicativos coa intención de que se poida atopar unha solución xusta para estes propietarios que, alegan, sempre actuaron de boa fe.
Relacionadas:
-
Bueu pide perdón aos donos do edificio Pintos e confía en poder paralizar o derrubamento
Por Redacción |
-
O Concello de Bueu pide perdón aos propietarios do edificio declarado ilegal polo TSXG
Por Redacción |
-
O alcalde de Bueu comunica aos veciños do edificio Pintos a intención de paralizar o desaloxo
Por Redacción |
-
Os veciños de Bueu afectados por un desafiuzamento piden apoio en Change para obter "unha saída digna"
Por Oskar Viéitez |
-
A derriba dun edificio ilegal provocará o desaloxo de dezanove familias de Bueu
Por Oskar Viéitez |