Desaloxan un edificio en Cambados por un escape de gas localizado no portal e escaleiras do inmoble
Por Alejandro Espiño
Menudo susto o que viviron esta madrugada os veciños dun edificio de Cambados. Un escape de gas localizado no portal e nas zonas de escaleiras obrigou a desaloxar por completo o inmoble. Afortunadamente, non houbo feridos.
Segundo informa o 112, os servizos de urxencia foron avisados ás 22.39 horas do luns. A esa hora, Protección Civil xa procedía ao desaloxo de todas as vivendas situadas no número 18 da rúa Pardo Bazán, debido a esta fuga de gas.
Protección Civil e Policía Local comprobaron que as medicións daban positivo por contaminación por gas no portal e escaleiras, polo que sospeitaron que podía proceder da canalización da televisión por cable. Así, foron mobilizados técnicos de Gas Galicia para comprobar a procedencia da fuga.
Tres horas despois, sobre a 01.30 horas, tras realizar as oportunas comprobacións e unha vez ventiladas as zonas afectadas, os veciños puideron regresar aos seus domicilios.