Atopan un can na autovía do Salnés que desaparecera hai un ano en Vigo
Por Redacción
A historia de Norris é a dun reencontro inesperado. Norris, un golden retriever moi xoguetón, desaparecía hai máis dun ano na cidade de Vigo. O seu propietario, Pedro, xa non contaba con volver velo. Con todo, o pasado xoves 24, o Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN), dependente da Deputación, recibía unha chamada dos membros de Protección Civil de Sanxenxo. Atoparan un can que deambulaba pola autovía do Salnés.
Coa colaboración dos integrantes de Protección Civil conseguiuse rescatalo e unha vez no centro os veterinarios comprobaron que estaba identificado co microchip e rapidamente localizaron a Pedro para comunicarlle a boa nova. O propietario continuaba buscándoo a pesar de que xa pasaran doce meses da súa desaparición, segundo explica o persoal da protectora de animais.
Ese mesmo día, toda a familia de Pedro foi a recoller a Norris. O can recoñeceunos de inmediato mostrándose efusivo e contento por volver reencontrarse cos seus donos.
Por mor deste caso, desde o CAAN lembran que a identificación electrónica dos cans é obrigatoria en Galicia desde o ano 2002 e pódese sancionar a aqueles propietarios dun animal que se atopa sen identificar con multas que oscilan entre os 300 e os 2.400 euros.
Os responsables do CAAN convidan á xente para optar pola adopción á hora de adquirir un can. Desde a apertura deste centro tramitáronse ao redor de 900 adopcións de cans abandonados.
Relacionadas:
-
Sete abandonos diarios, media de actuación da canceira provincial
Por Redacción |
-
A Garda Civil investiga un veciño de Meaño por matar dous cans que entraran no seu galiñeiro
Por Redacción |
-
Rescatado un cachorro dun colector de lixo en Caldas
Por Redacción |
-
Cada día abandonan seis cans na provincia
Por Redacción |
-
Máis de 3.000 animais rescatados e 500 adopcións, balance do CAAN no seu primeiro ano e medio
Por Redacción |