O comité de empresa de Elnosa solicita a intervención no pleno de Poio
Por Anxo Lourido
Os representantes dos traballadores de Elnosa, a través de Comisións Obreiras, presentaron unha solicitude este venres 25 no Concello de Poio para intervir no pleno do próximo martes 29 no que se debatirá unha moción contra a continuidade de Ence e Elnosa en Lourizán. Avelino García, presidente do comité de empresa, indicou que queren explicar á corporación municipal de Poio a situación da cloirera e a das familias que dependen da actividade que se desenvolve nesta fábrica, moitas delas pertencentes ao concello que goberna o nacionalista Luciano Sobral, segundo asegura o representante dos empregados de Elnosa.
Por outra banda, desde o comité de empresa anúnciase que levarán a cabo unha campaña coa instalación de pancartas reclamando ao Concello de Pontevedra a defensa dos seus postos de traballo e a permanencia da empresa na ría.
O CONCELLO ESIXE UN PLAN DE REFORMA INTERIOR
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, alertou que Elnosa ten que presentar un Plan de Reforma Interior (PERI) para poder manterse na súa actual localización en Lourizán. Desta forma, o rexedor contesta o comité de empresa da fábrica cloreira que sinalaba que o goberno local tería que conceder unha licenza no momento en que se presentase a solicitude da empresa co proxecto da súa mellora tecnolóxica sen utilización de mercurio.
Con todo, o alcalde de Pontevedra indicou que a situación "non é tan fácil" porque a concesión dunha licenza para actividade neses terreos entre Praceres e Mollabao require a presentación do PERI por parte da empresa no que tería que poñerse de acordo co resto de entidades que realizan actividades nesta "zona sensible".
Fernández Lores lembrou que o desaparecido presidente da Xunta, Manuel Fraga, establecera un plan supramunicipal de Ence no seu momento para mantela nesa localización pero nese plan, indicou o rexedor, non se atopa Elnosa "porque é unha empresa que se entendía que se tiña que trasladar para recuperar o espazo marítimo terrestro e por seguridade". Segundo Fernández Lores, a presenza de Elnosa nesa zona supón un perigo polo transporte de cloro nunha zona urbana.
Relacionadas:
-
A participación dos traballadores de Elnosa no pleno de Poio remata con tensión e ameazas
Por Anxo Lourido |
-
Medio Ambiente e Industria, dispostas a que Elnosa permaneza na ría se elimina o mercurio
Por Anxo Lourido |
-
Lores comprende os traballadores de Elnosa pero mantén que a empresa debe abandonar a ría
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |