Bueu tratará de mellorar as súas rutas de sendeirismo de cara o próximo verán
Por Redacción
A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Silvia Carballo, reuniuse coas técnicas da Oficina de Turismo e do departamento de Desenvolvemento Local de Bueu para facer un balance do que foi o verán e atender as suxestións recollidas para comezar a traballar xa nas liñas de mellora.
Así, un dos obxectivos principais será dar solución aos problemas de sinalización que existen nas principais rutas de sendeirismo ofertadas polo Concello.
Tal e como se tratou na reunión, vaise mellorar a sinalización e a limpeza dos camiños habilitados, para así ofrecer un servizo de rutas completo.
Así mesmo, Carballo aproveita para lembrar á cidadanía que “seguimos á súa disposición para seguir recollendo todas as propostas de mellora”.
O Concello de Bueu recorda que é dos poucos da contorna que ofrece rutas de sendeirismo sen custe para os participantes, e as rutas das que puideron gozar este verán foron a dos Pazos, a dos Abades I e II, a dos Muíños, a de Cabo Udra ou a de Ermelo.