Pechan dous locais de La Ibense en Pontevedra
Por Redacción
Os clientes habituais aínda están sorprendidos. Dous dos tres establecementos que La Ibense mantiña abertos en Pontevedra, o situado na rúa Padre Luis e o de Barcelos, pecharon as súas portas. No da rúa Padre Luis mesmo hai un cartel que anuncia o traspaso do negocio.
O único establecemento que está en activo desta cadea en Pontevedra é o situado na rúa Virxe do Camiño.
Arredor dos dous locais pechados apareceron notas anónimas nas que se denuncia que quedan un grupo de traballadores sen traballo e sen liquidación e sen cobrar o soldo que lles corresponde. Nestes escritos denúnciase unha mala administración por parte do responsable, Salvador Santiago, con quen PontevedraViva.com tentou poñerse en contacto nas últimas horas sen conseguilo.
La Ibense en Michelena foi pechada hai 12 anos
A histórica La Ibense de Pontevedra, que estaba ubicada na rúa Michelena, nacera no ano 1933 e pechou as súas portas en decembro do ano 2000 despois de que ducias de xeracións de pontevedreses tiveran probado alí os xeados tradicionais de crema tostada. Uns anos máis tarde, Salvador Santiago abría un novo establecemento en Virxe do Camiño e no 2007 o local de Padre Luis que continuaría coa apertura dunha nova cafetería e xeadaría na praza de Barcelos.