A depuradora dos Praceres e o emisario submarino non teñen licenza de actividade
Por Oskar Viéitez
Recoñecen que a súa loita é "quixotesca", pois se enfrontan contra "verdadeiros xigantes", pero isto non amedrenta aos integrantes do colectivo ecoloxista Salvemos Pontevedra na súa cruzada para defender "baixo o amparo da lei" ao territorio de dominio público marítimo-terrestre.
Neste empeño atoparon o apoio da Asociación Vaipolorío, a Federación de Asociacións veciñais Castelao ou a formación política Marea.
Ao longo destes anos, Salvemos Pontevedra logrou importantes vitorias xudiciais e este venres compareceron ante a prensa para dar conta doutra máis: o Tribunal Supremo, en sentenza firme, declara a caducidade da concesión da Depuradora dos Praceres e do emisario submarino de condución de verteduras urbanas de Pontevedra, Poio e Marín e residuais de Ence.
É unha decisión "irrecurrible". Agora esixirán que se execute esta sentenza e que se incoe o expediente para o traslado da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) posto que ningunha destas instalacións "ten concesión administrativa algunha" ou licenza de actividade.
Salvemos Pontevedra tamén recorreu, de novo, contra o expediente de caducidade da concesión de Ence.
Finalmente este colectivo ecoloxista advertiu ao goberno local de Pontevedra dun erro na inscrición rexistral da parcela de Malvar. A leira tería 2.300 metros cadrados pero rexistráronse 5.000, incluíndo terreo de dominio público.
Relacionadas:
-
Marea propón substituir a EDAR de Praceres por "minidepuradoras" por todo o municipio
Por Alejandro Espiño |
-
'Salvemos Pontevedra' dá dous meses ao Estado para que abra o expediente de caducidade da EDAR de Os Praceres
Por Redacción |
-
O Supremo confirma a sentenza que ordena o cesamento da depuradora dos Praceres
Por Natalia Puga |
-
Costas ratifica a concesión de ENCE e sinala que o único que incumpre é o campo de fútbol dos Praceres
Por Oskar Viéitez |