Ence adicará outros 8 millóns de euros nos próximos anos para erradicar os olores e reducir as emisións de vapor
Carta de Ence aos cidadáns de Pontevedra (III)
Durante décadas, e moi especialmente durante os corenta anos nos que a fábrica de Lourizán pertenceu ao antigo Instituto Nacional de Industria, Pontevedra e a súa comarca soportaron o impacto oloroso da factoría. Era outra a conciencia ambiental, da cidadanía e tamén dos xestores, pero que hoxe en día resulta inadmisible.
Ence esforzouse nos últimos anos para acadar o Obxectivo Olor Cero. Os actuais propietarios e xestores da empresa traballan desde 2007 para que as fábricas da compañía sexan exemplo da bioeconomía e de comportamento ambiental.
Aínda queda camiño por andar. Sabémolo.
Por iso non nos tranquiliza afirmar que, fronte aos máis de 4.000 minutos ao mes que xeramos molestias por cheiros en 2010, durante o último mes de agosto rexistráronse 29 minutos de impacto oloroso. Foi o resultado do Plan de Eliminación de Olores iniciado en 2010. Pero non abonda. Queremos acadar o Cero. É o compromiso de Ence e todos os seus traballadores e traballadoras. E máxime como veciños dunha cidade que atesoura, de acordo a datos de ONGs ambientalistas, a mellor calidade do aire das cidades da fachada Atlántica de Galicia, dende Vigo ata Ferrol. E na que en 2014 volveu suceder, a diferenza do ocorrido nas demais cidades, que durante os 365 días do ano respirouse un aire que mellora os parámetros recomendados pola Organización Mundial da Saúde.
Non pararemos ata acadar o Olor Cero. Por iso queremos investir 8 millóns de euros adicionais en tecnoloxía e adaptacións do noso proceso industrial dirixidas a esquecer para sempre aquilo que nunca debeu suceder.
Este paquete inversor tamén contempla recursos para continuar reducindo a visibilidade das emisións de vapor de auga da fábrica. Porque Ence emprega auga no seu proceso industrial e unha parte importante desa auga aínda hoxe é devolta á atmosfera como vapor. Ademais, a fábrica produce vapor adicional para xerar enerxía térmica. E boa parte dese vapor, vapor de auga, é liberado tamén á atmosfera. Nós somos os primeiros que non queremos ver a nosa fábrica como se vía durante décadas: baixo unha enorme nube de vapor.
Estamos desenvolvendo un proxecto baseado na condensación e no intercambio de temperatura do vapor para continuar reducindo a visibilidade das emisións e aproveitar esa fonte de enerxía térmica que hoxe non está sendo utilizada. Os nosos primeiros estudos indícannos que teremos un excedente de enerxía térmica que podería ser empregado, a partir da colaboración coas administracións públicas, en usos sociais. Como sucede, por certo, desde fai máis de 10 anos coa Piscina de Ponte Muíños. Ence cédelle a enerxía térmica coa que quenta a auga, que permanece a 28 grados de temperatura durante todo o ano sen que os usuarios teñan que asumir o custo enerxético de quentar a auga.
É un bo exemplo de colaboración. ¿Por qué non camiñar cara ao seguinte?, ¿por qué non continuar buscando ideas para o ben de todos? Ence seguirá facéndoo.
O pasado non é bo sitio no que ficar ancorado.