Axitado pleno na Deputación con traballadores de Ence e os deputados populares abandonando a sesión
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Arredor de mil traballadores de Ence e de empresas axulixiares personáronse este venres 4 ante a Deputación Provincial na avenida de Montero Ríos. Alí, moitos deles tentaron entrar no edificio da institución provincial para asistir ao pleno extraordinario en que se debatían mocións sobre o sector lácteo e sobre o Hospital de Vigo.
Pero á diferncia do que viña sucedendo nos anteriores mandatos, o acceso á Deputación restrinxiuse. As persoas que tentaron acceder tiveron que amosar a súa documentación, ensinar o contido de bolsas e mochilas aos operarios que se atopaban na entrada e entregar as pancartas nas que se reclamaba a continuidade de Ence. Minutos antes das 12.00 do mediodía, hora de inicio do pleno, a presidenta Carmela Silva encontrábase xa reunida con representantes do comité de empresa de Ence e de Elnosa. Segundo sinalou o presidente do comité de empresa da fábrica pasteira en Lourizán, Pedro Soto, a máxima representante provincial indicoulles que faría o posible para que o Partido Socialista en Galicia trate o tema do futuro dos traballadores ante a posibilidade de que se negue a prórroga á fábrica para permanecer en Lourizán.
Precisamente, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, cedeu a palabra a Pedro Soto no inicio do pleno. O representante dos traballadores ante ao redor de 150 compañeiros da factoría e de empresas auxiliares que se encontraban no salón do Pazo provincial fixo un chamamento aos políticos para que tivesen en conta a situación dos traballadores: "pedinlle que viñeran para que lles puxérades cara", indicou Souto que engadiu que pedía unha decisión meditada e que non se pode culpar a Ence da contaminación da ría. "Seguramente quedaría moito máis bonita unha praia pero as circunstancias son as que son, hai moito paro e non podemos pechar postos de traballo", apuntou e acusou os políticos de ter mentido porque o propio BNG no bipartito deron un informe favorable das verteduras á ría pontevedresa: "Non digan que contaminamos demonizando os traballadores" e fixo referencia aos cinco millóns de euros que a empresa inverterá para integrar a factoría no ámbito. Pedro Soto foi interrompido polos aplausos dos seus compañeiros e líderes sindicais, entre os que se encontraban Ramón Vidal e José Luis García Pedrosa, secretarios comarcais de UGT e de CC.OO. O presidente do comité continuou ofrecendo datos dun informe encargado pola empresa na que se indica que 5.000 persoas dependen da actividade de Ence e reiterou a súa petición de que os políticos non fixesen demagoxia con este tema.
Tras a súa intervención, a voceira popular Nidia Arévalo reclamou a presidenta que abrira as portas da Deputación a todos os traballadores que se encontraban fóra do edificio sen posibilidade de acceder ao anterior. Estas palabras provocaron a reacción da presidenta provincial que acusou aos populares de ser os máximos inimigos dos traballadores e de estar a utilizalos para os seus intereses.
A continuación, concedeuse a palabra a José Emilio Santiago, voceiro da Plataforma pola Sanidade Pública, que fixo referencia á manifestación en Vigo e á situación que se atravesa co Hospital Álvaro Cunqueiro.
Posteriormente, o voceiro popular Anxo Moldes reclamou que tomase a palabra o empresario José Morén da Plataforma en defensa do tecido industrial da provincia. Carmela Silva indicou que lle concedía a palabra porque, segundo afirmou, a diferenza do que sucede no Parlamento galego ou no español "aquí todo aquel que quere falar, pode falar". A presidenta engadiu referíndose a José Morén que non necesitaba ningún manipulador, facendo referencia ao deputado popular, para facer uso da palabra. Morén dirixiuse aos representantes políticos preguntándolles por que se quere retirar Ence e cales son as alternativas de emprego para a fábrica.
Despois de Morén, a deputada Nidia Arévalo volveu solicitar a intervención dun propietario de terreos forestais que levaba uns minutos de pé pedindo falar durante a sesión. A petición da popular provocou outro enfrontamento coa presidenta que a acusou de que "xamais defendeu os dereitos dos traballadores" e lamentou a postura do Partido Popular. Concluíu indicando que xa se tratara suficientemente o tema ante o malestar entre os populares e o público.
Deseguido, seguiuse coas mocións dos populares e do PSOE sobre a defensa do sector lácteo galego. Aprobouse a socialista e, de novo, volveuse xerar o debate cando Arévalo insistiu en que se dese a palabra ao propietario dos terreos forestais. Ante a negativa da presidenta, os deputados do PP abandonaron o salón acompañados dos traballadores que se encontraban no Pazo Provincial. Só quedaron os deputados socialistas, nacionalistas e do grupo mixto para aprobar a moción sobre o novo Hospital de Vigo.
Carmela Silva rematou o pleno lamentando as "malas prácticas" do Partido Popular durante a sesión, a primeira nos últimos mandatos en que xa non estivo presente Rafael Louzán. O seu sillón na bancada popular permaneceu baleiro.
Relacionadas:
-
A Valedora do Pobo lembra ao PP que a lei dá a razón a Carmela Silva na súa regulación dos plenos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O PP pedirá no próximo pleno a anulación do acordo sobre Ence e Elnosa aprobado na Deputación
Por Redacción |
-
Os comités de Elnosa e Ence únense no pleno de Barro para reivindicar a continuidade das factorías
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Os representantes dos traballadores de Ence anuncian que irán con ánimo reivindicativo ao pleno
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PSOE presentará unha proposición no pleno reclamando á Xunta e á Deputación unha reubicación para Ence
Por Redacción |
-
En dous anos Ence reducirá en máis dun 90% a auga que capta do Lérez e a que verte á ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
PPdeG e PSdeG reiteran a súas diferenzas sobre o futuro de Ence no Parlamento galego
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os colectivos ecoloxistas piden á cidadanía que sexa "combativa" para sacar a Ence-Elnosa da ría
Por Redacción |
-
Os deputados do PP piden a Carmela Silva que "reconsidere" a súa postura sobre ENCE
Por Redacción |
-
Lores e Carmela Silva: "Hoxe non falamos de Ence"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os traballadores de ENCE poderán intervir no Pleno da Deputación
Por Redacción |
-
Os traballadores de Elnosa ampáranse na eliminación de emisións de mercurio para que a fábrica siga en Lourizán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP advirte que non dará "nin un paso atrás" na súa defensa á continuidade de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva tira de hemeroteca para cargar tintas contra o PP sobre ENCE: "Cambiou radicalmente a súa postura"
Por Natalia Puga |